fbpx



O alcalde de Poio, Luciano Sobral, participou na mañá deste xoves no acto, celebrado de xeito telemático, organizado para asinar o histórico convenio para impulsar a mellora da rede de saneamento, que marcará un antes e un despois no tratamento das augas residuais tanto no municipio poiense como en Sanxenxo. Trátase dun acordo a tres bandas, entre ambas institucións municipais e ACUAES, que contará cun orzamento que ascenderá a 16 millóns de euros, máis IVE. O rexedor poiense estivo acompañado pola tenente de alcalde, Chelo Besada; o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís e a responsable de Turismo e Participación Veciñal, Silvia Díaz (Avante).

A directora xeral de ACUAES, Rosa Cobo; a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, tamén tomaron parte nesta convocatoria telemática, que sirve para rubricar o acordo anunciado a finais do ano pasado e que serve, entre outras cousas, para dar unha solución definitiva a vellos problemas, como o devandito tratamento das augas en Raxó e Samieira e a mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), en Sanxenxo.

Todos os asistentes coincidiron ao definir como “histórico” este momento, que veu a luz grazas “á colaboración, cooperación e ao respecto institucional que houbo desde o primeiro momento”. O alcalde Sobral, neste sentido, agradeceu ao Concello de Sanxenxo e a ACUAES este “traballo conxunto” e amosouse convencido de que esta ambiciosa actuación “cumprirá coas expectativas” e suporá “un paso definitivo para conseguir unha ría limpa e saneada, poñendo fin a un problema endémica. Isto é algo que se fixo realidade grazas á vontade de todas as partes implicadas no convenio, dando prioridade ás necesidades da veciñanza por riba das cores políticas”.

Pola súa banda, a directora xeral de ACUAES adiantou que o proxecto atópase actualmente moi avanzado e que nuns días prevese que finalice a súa tramitación ambiental. A partir de aí, poderá comezar o proceso de licitación, o que permitiría adxudicar as obras a finais de 2021. O prazo de execución dos traballos será de dous anos. Un feito a destacar é que este proxecto foi considerado de Interese Xeral por parte do Estado en xuño de 2018, o que demostra “a resposta inmediata” das administracións implicadas á hora de sacalo cara adiante en tan pouco tempo.

O proxecto

O proxecto divídese en dúas fases, en función da prioridade das obras a realizar, e suporá un investimento que os técnicos de Acuaes valoran en 16 millóns de euros. O 50% desta contía financiarase a través de fondos europeos procedentes do Programa Plurirrexional 2014-2020, mentres que o 50% restante será asumido por Poio e Sanxenxo, en función das melloras que se realicen en cada un dos concellos. Unha vez estean finalizadas as obras (estímase que nun prazo de 3 anos desde o momento da súa adxudicación), os Concellos aboarán o 10% do total. Acuaes adiantará o 40% restante, unha contía que será devolta nun prazo de 25 anos, nunhas condicións moi favorables e cuns intereses moi baixos.

Na fase inicial levarase a cabo a mellora e ampliación da depuradora de Paxariñas en 8.000 metros cadrados, o que practicamente se traduce na construción dunha nova EDAR. Incorporaranse novos sistemas, que permitirán un aforro enerxético, e un sistema de desodorización para evitar malos cheiros, así como un importante incremento da capacidade de tratamento. Unha vez a obra estea lista, a instalación estará lista para prestar servizo a unha poboación de 100.000 habitantes.

Outra actuación de gran calado será a execución do novo emisario submarino, de 1.300 metros de lonxitude e 630 milímetros de diámetro, manténdose o tramo terrestre, toda vez que a súa capacidade actual é suficiente (xa conta con eses 630 milímetros). O proxecto incluirá, asemade, a dotación de novos bombeos, tubaxes de impulsión e colectores. Na segunda fase, por exemplo, procederase á adecuación da estación de bombeo e impulsión do Laño, na parroquia de Samieira, así como a mellora do propio sistema de impulsión ata Raxó.