fbpx



A Concellería de Deportes, dirixida pola nacionalista Marga Caldas, vén de impulsar a primeira edición do Circuíto Virtual de Carreiras Populares Poio Móvese. Trátase dunha iniciativa que ten coma obxectivo recuperar a celebración deste tipo de probas, adaptándose, iso si, á situación sanitaria da COVID-19, e apostando polo deporte seguro.

A través desta actividade, ofrécese aos e ás amantes do deporte a cubrir, ao longo de mes de maio, os circuítos das probas impulsadas por Poio Móvese no ano 2019, que se desenvolvían, ata a chegada da pandemia, en todas as parroquias do municipio. Nesta ocasión, os e as interesadas poderán competir de xeito virtual, cubrindo, de xeito individual ou en grupos (respectando as medidas e os máximos que marcan as restricións vixentes) os circuítos co uso dunha aplicación gratuíta, na que quedarán rexistrados os tempos. As persoas participantes disporán de sete días para cubrir cada unha destas probas, quedando rexistrado o mellor tempo. Establecerase unha clasificación de todas as marcas dos e das inscritas, en cada unha das catro categorías, que se dividirán por idades (de 18 a 34 anos, de 35 a 44, de 45 a 54 e para maiores de 55). Ademais, estes circuítos poderanse facer en modo carreira ou tamén apostando pola fórmula das andainas.

Son catro as probas que forman parte deste I Circuíto Virtual Poio Móvese. A primeira delas é a carreira de Campelo, que se poderá completar entre o 5 e o 11 de maio, e que terá unha extensión de 5 quilómetros. Entre o 12 e o 18 será a quenda da carreira de Samieira, de 7,7 quilómetros de distancia. Pecharán o calendario a proba que vai desde Lourido a Combarro, de 5,9 quilómetros e que se poderá rexistrar entre o 19 e o 25 de maio, e a de Raxó, do 26 de maio ao 1 de xuño e cunha extensión de 4,6 quilómetros. Para poder tomar parte nesta iniciativa será preciso descargar a aplicación gratuíta Saudeter, que está dispoñible tanto a través de App Store (Apple) como no Play Store (Android). Unha vez adquirida e descargada, chegará o momento de inscribirse e de seguir os pasos para rexistrar as marcas. Tamén é posible consultar os percorridos das carreiras e de realizar adestramentos previos.