fbpx

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, na sesión ordinaria do pasado 27 de abril, a adxudicación dun contrato menor, destinado a mellorar os servizos no Camiño Salgueiral, situado na parroquia de Samieira. A concelleira titular do departamento de Obras e tenente de alcalde, Chelo Besada (PSOE), explica que os traballos centraranse na mellora da rede de pluviais, así como a dotación dun novo pavimento. A actuación será levada a cabo pola empresa Construcciones Caldeverazgo Sociedad Limitada. O orzamento ascende a preto de 15.500 euros, segundo informou a edil socialista.

Besada explicou que se enviaron invitacións a un total de sete firmas para presentarse á adxudicación deste contrato, sendo finalmente licitado a esta firma, que, precisamente, xa vén de realizar obras similares noutros emprazamentos do concello. Por exemplo, no Camiño da Bouza, onde se procedeu a mellorar a rede de saneamento. Nese caso, o obxectivo era habilitar un ramal mediante mangueiras de impulsión, dando servizo a un pequeno núcleo de vivendas situadas nesta zona de Chancelas, co que se completa a prestación que xa existe na contorna. A tenente de alcalde lembra que se actuou nunha extensión aproximada de 100 metros, para poder dar servizo a todas as vivendas do núcleo. Ademais, instálase un pozo de rexistro que complementa os traballos. Ao igual que sucederá co Camiño Salgueiral, apóstase pola reposición do firme, cunha capa de xabre de 15 centímetros, previo a outra capa de mestura de aglomerado en quente de 5 centímetros.

A tenente de alcalde expresou o seu agradecemento ás empresas que presentaron as súas ofertas para a realización esta obra. Chelo Besada recorda que “para os contratos menores, con orzamentos inferiores aos 50.000 euros, non é obrigatorio realizar un proceso de licitación. Pero desde o noso departamento así o facemos. Sempre invitamos ás empresas a que envíen as súas ofertas. No caso de que estamos ante actuacións urxentes ou necesarias para solucionar algún imprevisto, o número de orzamentos solicitados é de tres, pero, salvo eses casos, sempre aspiramos a que se presenten máis”, conclúe.