fbpx



O Concello de Poio, a través da Concellería de Turismo, impulsa unha serie de traballos encamiñados a mellorar e reforzar a sinalización do tramo da Variante Espiritual do Camiño Portugués que atravesa parte do municipio poiense. Tal e como explica a edil titular deste departamento, Silvia Díaz (Avante Poio), esta actuación lévase a cabo ao abeiro dunha achega concedida pola Deputación de Pontevedra, que rolda os 6.700 euros aproximadamente. As tarefas foron adxudicadas á empresa Novacondria Sociedade Limitada, un trámite que xa recibiu a aprobación da Xunta de Goberno Local no mes de abril.

O proxecto contempla a dotación de 20 sinais direccionais en diferentes puntos da Variante Espiritual, que parte desde Pontevedra e chega ata A Armenteira, pasando por varios emprazamentos do concello de Poio, permitindo aos peregrinos visitar diferentes puntos de interese, como o Mosteiro de San Xoán, a fachada costeira da Seca ou o casco histórico de Combarro. Silvia Díaz indica que estas unidades manteñen a imaxe empregada noutras localidades para marcar a Variante e cuxo deseño foi efectuado pola Mancomunidade do Salnés. Ademais, a maiores, está prevista a colocación, en zonas estratéxicas, de dous paneis informativos, xa que “queremos facilitar coñecemento e información a todas as persoas, tanto veciños e veciñas como visitantes, sobre o valor patrimonial deste tramo adicional do Camiño, que, nos últimos anos,  antes da chegada da COVID-19, viña consolidándose como un reclamo turístico moi importante”. Neste sentido, a responsable de Turismo lembra que se estima que só durante o ano 2019 máis de 8.500 persoas percorreron a Variante Espiritual.

A concelleira do Goberno local confía en que a situación sanitaria continúe mellorando, “máxime cando nos atopamos en Ano Xacobeo, coa importancia que isto supón”. Cómpre lembrar que o Xacobeo tamén se prolongará durante o 2022, para tratar de paliar o impacto provocado pola COVID-19. A Variante Espiritual é unha ruta que enlaza parte do Camiño Portugués e a Ruta do Mar.

Nos últimos meses, a Concellería de Turismo xa ven desenvolvendo actuacións similares para poñer en valor e dar visibilidade a emprazamentos e lugares de interese, ben sexa pola súa beleza paisaxística, a súa tradición histórica ou a súa riqueza medio ambiental ou patrimonial. Este foi o caso, por exemplo, da renovación da sinalización das rutas dos muíños de Samieira e da Freixa, na parroquia de San Xoán, cun investimento que ascendeu a máis de 18.000 euros.