fbpx



O Centro Cultural Xaime Illa Couto, situado na parroquia de Raxó, acolle desde o pasado venres 30 de abril a exposición O Galego noutros mundos. Trátase dunha mostra que consta dun total de 13 paneis, de 200x100 centímetros de tamaño, a través dos cales as persoas que acudan a coñecer esta colección terán a ocasión de coñecer a dimensión “aberta e internacional” do idioma galego en diferentes países. O horario de apertura ao público será de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 horas polas mañás e de 16.00 a 21.00 horas polas tardes.

Esta iniciativa está organizada de xeito conxunto polos departamentos de Cultura e de Normalización Lingüística. As edís responsables de ambas concellerías, as nacionalistas Raquel Rodríguez e Marga Caldas, explican que a exposición permanecerá operativa no Xaime Illa ata o vindeiro martes 18 de maio. A través desta mostra, preténdese “contribuír á valorización social da nosa lingua, axudando a romper, desta maneira, con prexuízos sobre a súa utilidade ou o seu prestixio histórico e internacional”. O material do que consta esta mostra foi cedido polo departamento de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.

Redundar na importancia da historia e evolución do galego, sendo “unha marca de calidade en moitos países” e destacar a súa utilidade no contexto de diferentes nacións, pola súa proximidade co portugués, son outras das cuestións nas que se inciden na exposición, que tamén fai un repaso ao interese que o galego espertou en persoeiros doutros lugares, como foi o caso do poeta Federico García Lorca, por exemplo.