fbpx



A tenente de alcalde e responsable da Concellería de Obras, Chelo Besada, inspeccionou na mañá deste luns o Camiño da Outeiro, situado no lugar de Fontenla, na parroquia de San Xoán, un espazo de titularidade municipal no que o Concello de Poio acometeu unha serie de traballos para amplialo e dotalo de novo pavimento e cunetas. Besada, que estivo acompañada polo titular de Urbanismo e Mobilidade, Gregorio Agís, explicou que esta actuación vai máis alá dunha mera mellora, xa que tamén contempla medidas para reforzar a seguridade viaria, algo “básico”, tendo en conta que “por este camiño transitan cada día moitos veciños e veciñas e, especialmente, parte do alumnado do instituto de Poio”.

Deste xeito, unha das novidades neste sentido será que a vía pasará proximamente a ser de sentido único para o tráfico rodado. Deste xeito, os vehículos só poderán circular en dirección cara a PO-308. Esta cuestión foi abordada recentemente pola Mesa de Mobilidade. “Deste xeito, os peóns pasan a contar con máis espazo, evitando que nas zonas máis estreitas se crucen dous turismos como viña sucedendo ata o de agora”, indicou Gregorio Agís, que tamén destaca como beneficio desta aplicación do sentido único que “a partires de agora probablemente se reducirán de xeito drástico as aglomeracións de tráfico no cruce da estrada da Fontenla coa PO-308, pola que tamén circulan os autobuses”. Os dous integrantes do Goberno local explicaron que esta medida foi adoptada tendo en conta as peticións e sensibilidades da veciñanza e dos usuarios e usuarias habituais do camiño. Está previsto que proximamente se complete a sinalización vertical e horizontal.

Con respecto á posta a punto do camiño, o Concello investiu preto de 15.000 euros nestas obras. Ademais de ampliar o espazo e dotar ao firme de nova pavimentación, tamén se procedeu a habilitar unha cuneta tendida, así como unha tubaxe a modo de canalización de pluviais. A tenente de alcalde lembrou que esta actuación “resultou máis complexa do agardado”, xa que para poder dotar ao camiño do servizo de pluviais foi necesaria a realización dun estudo topográfico previo, o que provocou que a execución das obras se demorase varias semanas. Isto, sumado ás inclemencias meteorolóxicas, impediu que a posta a punto fose unha realidade moito antes. De feito, en vista desta situación, os operarios municipais, unha vez ancheado o espazo, optaron por dotalo dunha superficie temporal de xabre, para que xa puidese ser utilizado pola veciñanza mentres non finalizasen as obras.

“Esta actuación resultou moi importante, porque serviu para converter un antigo carreiro nun camiño en moi boas condicións, máis seguro e con novos servizos”, indicou a concelleira de Obras e Servizos, que non dubidou en agradecer a “paciencia” da veciñanza e das persoas usuarias.