fbpx

O Plan Músico-Cultural do Concello de Poio, impulsado polo departamento de Cultura, terá moi en conta as directrices definidas pola Xunta de Galicia á hora de permitir a celebración de verbenas de cara a este verán. Así o explicou este martes a concelleira titular da área, a nacionalista Raquel Rodríguez, que apunta que “isto poderá permitir un aumento do número de actuacións por parte dos grupos tradicionais, populares e folclóricos neste tipo de festas”. Cómpre lembrar que a Administración autonómica adiantou hai uns días que, en principio, poderán celebrarse verbenas cun aforo limitado a 1.000 persoas, cun uso obrigatorio de máscara e gardando unha distancia interpersoal de 1,5 metros. Permitiranse os bailes só entre persoas convivintes.

Inicialmente, prevese que o Plan Músico-Cultural conte con 16.000 euros, destinados á contratación deste tipo de colectivos musicais nos diferentes eventos lúdicos que, pouco a pouco, vanse retomando tras a irrupción da COVID-19, que obrigou á suspensión destas citas o ano pasado. Non obstante, Rodríguez Alonso adianta que “o Concello estuda aumentar este orzamento, unha vez retomemos a normalidade e as verbenas se consoliden definitivamente”. A concelleira de Cultura tamén deixa claro que o documento “continuará moi pendente da evolución dos protocolos contra a COVID-19, para poder adaptarse a eles do xeito máis áxil e efectivo posible”. Asemade, de cara a este ano contémplase a adaptación de exencións que axuden a flexibilizar a contratación de actuacións adaptadas ás verbenas que cumpran cos requisitos previamente establecidos.

Este documento, que será levado á vindeira Xunta de Goberno de Local, aspira a garantir que se manteña a actividade musical dos grupos locais nas programacións das festas do concello, ademais de axudar a dar visibilidade ao seu traballo, ao mesmo tempo que impulsa un catálogo virtual que se actualizará de xeito regular, modernizando, deste xeito, o proceso de inscricións.

A concelleira de Cultura lembra que “desde o primeiro momento o noso principal obxectivo foi establecer criterios e poder ter un plan cultural propio, tan necesario e demandado polos colectivos culturais”.