fbpx



A contorna da Praza da Chousa e do peirao de Combarro conta, de xeito oficial, con nova denominación. Os nomes de Baixada á Chousa, entre a rotonda situada no núcleo da parroquia ata o número 44, e de Paseo das Redeiras, que abarca desde o punto anterior ata chegar ao porto da Canteira, locen desde hoxe na zona, logo que de o Concello completase o proceso de supresión do nome da avenida Francisco Regalado co descubrimento das novas placas.

Foron o alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira de Memoria Histórica, Marga Caldas (BNG), as persoas encargadas de presentar este acto, a través do cal se reafirma o compromiso do Concello á hora de poñer en valor a toponimia local e o labor da muller  na actividade económica e na vida social da vila, ao mesmo tempo que se garante “a hixiene democrática”, eliminando unha nomenclatura que facía referencia a “unha etapa escura e represiva” como foron a Guerra Civil e a ditadura franquista.

Así o explicou a titular da Concellería de Memoria Histórica, a través da cal se impulsou unha iniciativa que tamén foi previamente aprobada polo Pleno da Corporación. “No seu momento adquirimos o compromiso de eliminar un nome que representaba medo e represión”. Marga Caldas destacou as ferramentas democráticas utilizadas neste proceso. “A competencia municipal e as consultas coa veciñanza permitiron que poidamos avanzar na liberalización de nomes vencellados ao franquismo no noso concello”, afirmou a edil nacionalista, ao mesmo tempo que agradeceu a implicación e as achegas feitas polo tecido asociativo de Combarro. Caldas Moreira garantiu o compromiso do Concello en seguir traballando para recuperar a toponimia local e outorgar un maior á figura das mulleres no rueiro municipal. “Hoxe temos como gran exemplo ás redeiras, mulleres que desenvolveron durante moito tempo un labor imprescindible para o sector pesqueiro coa reparación de redes e que agora nos permiten tamén reparar parte da nosa memoria histórica”, afirmou Marga Caldas.

Pola súa banda, o alcalde Sobral tamén amosou a súa satisfacción por culminar un proceso que serve “para corrixir un punto negro da nosa historia, un tempo de escuridade e medo, aínda que tamén de resistencia, grazas á cal no ano 1977 chegou un novo aire ao país en forma de democracia”. O rexedor nacionalista incidiu, asemade, en poñer en valor este modelo participativo polo que a Concellería de Memoria Histórica apostou á hora de impulsar estas nomenclaturas para Combarro. “Para nós é un orgullo que se apostase por poñer en valor o nome da contorna da Chousa e a figura das redeiras, polo súa importancia histórica dentro dun sector especialmente importante para o noso municipio”.

Ademais do descubrimento das novas placas, o acto tamén incluíu unha actuación a cargo da artista Cora Velasco e a entrega dunha ilustración, a modo de agasallo, ás persoas asistentes. Cómpre lembrar que nas últimas semanas o Concello xa remitiru unha serie de cartas á veciñanza da zona para informar sobre os cambios existentes na numeración.