fbpx

A Xunta de Goberno Local aprobou conceder á empresa responsable da remodelación integral da Casa Consistorial de Poio unha prórroga de dous meses para poder rematar o proxecto. Cómpre lembrar que esta actuación conta cun orzamento que se achega aos 240.000 euros e ten coma obxectivo mellorar a eficiencia enerxética das instalacións. O financiamento realízase a través de fondos europeos do FEDER e do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), que foron tramitados de xeito directo pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo.

Precisamente, o responsable deste departamento, o socialista Gregorio Agís, explica que a firma adxudicataria da obra, Construcciones Orega Sociedad Limitada, solicitou unha prórroga de dous meses para poder rematar os traballos ante a imposibilidade de completar os prazos inicialmente establecidos por mor das adversas condicións meteorolóxicas que se rexistraron durante boa parte do inverno e da primavera. Cómpre lembrar que as obras comezaron o pasado mes de febreiro e, en principio, confiábase en que puidesen estar listas a principios do verán. Sen embargo, o mal tempo obrigou a ralentizar o ritmo das tarefas. A obra dotará ao Consistorio dun novo sistema de illamento, que servirá para eliminar filtracións de humidade e de aire, o que redundará nun importante aforro no que ao consumo eléctricos se refire. Ademais, grazas a este proxecto acádase un maior aproveitamento das instalacións, posto que se habilitarán novas oficinas e espazos na planta superior do inmoble, cunha superficie útil de aproximadamente 100 metros cadrados.

Gregorio Agís deixa claro que a aprobación desta prórroga en ningún momento compromete os prazos dos que dispón o Concello para rematar a obra e poder xustificar o investimento destes fondos, toda vez que o período non expira ata novembro deste ano. “A actuación seguramente estea concluída a finais do verán”, indicou o responsable de Promoción Económica, que engade que a día de hoxe xa se completou a nova volumetría da cuberta. “Os traballos se están a realizar segundo o previsto, sen máis incidencias que o atraso provocado pola meteoroloxía”, garantíu.

Logo do desmonte da cubrición actual, os operarios habilitarán unha nova superficie con biocemento, ao que lle hai que engadir o illamento término que garantirá unha maior eficiencia enerxética. Ademais, habilitaranse luminarias led nas novas oficinas, garantindo a redución de consumo eléctrico. Esta obra segue a estela das xa realizadas no pavillón polideportivo da Seca e no ximnasio municipal, que tamén perseguen o mesmo fin en canto a eficiencia e que igualmente foron financiadas a través dos fondos europeos do IDAE