fbpx

Preto de medio cento de negocios do municipio de Poio gozarán dunha bonificación do 100% no recibo do lixo nos vindeiros meses. Esta medida aplicarase a empresas e locais que se viron directamente afectados polo cese de actividade que decretou no seu momento a Xunta de Galicia para tratar de frear a expansión da COVID-19. En concreto, trátase de 44 entidades que se viron na obriga de pechar as súas portas en novembro do ano pasado e tamén a principios de 2021, nos peores intres da segunda e da terceira vaga da pandemia.

O listado definitivo de negocios aos que se lles aplicará esta bonificación permanece exposto na Sede Electrónica do Concello de Poio. Tal e como lembra o responsable de Facenda e Economía, o nacionalista Xulio Barreiro, esta medida xa se aplicara anteriormente aos negocios que cesaron a súa actividade durante o confinamento, grazas á modificación da ordenanza, impulsada polo Goberno local, en agosto do ano pasado, que permite aplicar esta bonificación do 100%. Ao igual que se fixo na primeira convocatoria, o Concello dará traslado á empresa responsable do servizo para que aplique este desconto con carácter retroactivo. “A redución efectuarase no primeiro bimestre que sexa posible, ate completar a contía total, no caso de que fose necesario, en recibos sucesivos, ata completar o importe total”, explica o responsable de Facenda e Economía.

A gran maioría dos negocios que acceden a esta bonificación corresponden a sectores como a hostalería ou os aloxamentos turísticos, dous dos máis afectados pola pandemia da COVID-19. Cómpre lembrar que, para poder formar parte desta listaxe definitiva, todos eles tiveron que acreditar, mediante a presentación da documentación pertinente, o cese da súa actividade.

Axudas directas

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou na súa sesión do pasado martes 8 de xuño as bases das axudas directas impulsadas para profesionais, autónomos e autónomas e negocios máis afectados pola pandemia. Trátase dunha liña de subvencións que ascende a 150.000 euros (100.000 de fondos propios e 50.000 achegados pola Deputación de Pontevedra). Poderán acceder a estas achegas aqueles negocios que corroboren unha baixada de beneficios de entre o 35% e o 50% con respecto ao exercicio de 2019, coa posibilidade de optar á obtención de ata 1.000 euros como máximo nos casos nos que se iguale ou supere ese 50%.

O prazo de presentación de solicitudes, que deberá realizarse a través da Sede Electrónica ou no Rexistro solicitando cita previa, abrirase nos vindeiros días, unha vez que o documento sexa publicado no Boletín da Provincia de Pontevedra (Boppo). A partires de aí abrirase un período dun mes para a presentación da documentación. O Concello confía en poder resolver na maior brevidade posible a tramitación, de xeito que os solicitantes que cumpran cos requisitos poidan recibir estas subvencións o antes posible.