fbpx

O Espazo Concilia da Concellería de Igualdade do Concello de Poio acolleu este martes 20 de xullo diversos obradoiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra no CEIP de Viñas (San Salvador). As actividades contaron coa presencia de Raquel Morales, directora do CIM, e Silvia Díaz, Concelleira de Igualdade.

As charlas, obradoiros, contacontos e xogos educativos do Plan Revitaliza traballan actitudes e valores fundamentais na sociedade actual, como a cooperación, a responsabilidade individual e colectiva, o esforzo e o traballo en equipo, así como o respecto mutuo e o respecto e coidado da contorna e o medio ambiente, a través de actividades nas que se dá a coñecer entre o alumnado o ciclo natural da materia orgánica de forma práctica.

O contido das propostas, cunha pequena parte teórica e outra práctica, traballa nos distintos eidos da compostaxe dun xeito lúdico para facer máis accesibles os conceptos ás crianzas que están a gozar do seu período de vacacións estivais. Leváronse a cabo os obradoiros ‘Os Bichocos' (con adaptacións á situación de verán), o 'Xogo da miñoca', e o obradoiro ‘Quen vive aí?'

Traballouse en grupos reducidos para garantir a seguridade segundo o establecido polas autoridades sanitarias e escolares. O número de participantes foi o estipulado en cada momento polas autoridades sanitarias e adaptado á normativa vixente.

A Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller de Poio desenvolven o “Espazo Concilia”: un espazo socioeducativo de lecer e de apoio á infancia para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar e fomentar a corresponsabilidade. Ao longo do verán trabállase de xeito lúdico cos cativos e cativas arredor da igualdade, a corresponsabilidade, a prevención da violencia e a educación en valores a través de diversos obradoiros e actividades.