fbpx

O municipio poiense contará proximamente co seu primeiro parque de calistenia. A concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), confirma que o Concello ten previsto habilitar este tipo de área deportiva nas proximidades de Lourido, na parroquia de San Salvador.

Caldas Moreira explica que este parque contará con aparellos para traballar diferentes partes do corpo e permitirá aos usuarios e usuarias realizar traballos de forza, equilibro, coordinación, flexibilidade e tonificación. “Ofrecer este tipo de instalacións é un paso máis na filosofía que mantemos á hora de apostar polo deporte como hábito saudable”, indica a edil do Goberno municipal.

A dirixente municipal entende que “agora máis que nunca, debido ao contexto derivado da COVID-19, faise máis necesario ca nunca ofrecer á veciñanza instalacións deportivas ao aire libre”. Marga Caldas sinala que a dotación deste parque de calistenia servirá para reforzar a “oferta multidisciplinar” da que disporán os e as cidadáns, así como as persoas que visiten Poio, na contorna de Lourido. “Nas proximidades da praia xa contamos con outros espazos que, especialmente no verán, son moi utilizados, polo que conseguimos aumentar a oferta de modalidades deportivas que cada persoa, de xeito individual, pode realizar sempre que así o desexe”, explica Marga Caldas.

 

Este proxecto contará cun orzamento que ascende a algo máis de 10.500 euros, IVE engadido, e será cuberto exclusivamente con fondos propios do Concello.