fbpx



O Concello de Poio solicitará fondos provinciais, a través do programa Reacpon (Reacciona Pontevedra), para levar a cabo unha importante actuación de recuperación e humanización de espazos públicos en varios espazos situados na parroquia de San Salvador. A Comisión de Urbanismo aprobou esta mañá a tramitación da solicitude desta axuda, cos votos en contra do Partido Popular, e confía en poder conseguir o orzamento necesario para facer realidade unha obra que servirá para impulsar a mellora da mobilidade sostible, a seguridade viaria e a dotación de novos servizos en núcleos como Portosanto, Saíñas e A Puntada.

Segundo explica o concelleiro de Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, o orzamento destes traballos, que terían un prazo de execución de catro meses, ascendería a máis de 900.000 euros. O 20% do presuposto sería achegado pola propia Administración municipal, mentres que o 80% cubriríase cos fondos do programa Reacpon, impulsado pola Deputación de Pontevedra en favor da recuperación económica e para mitigar os efectos da crise derivada da pandemia da COVID-19. Agís sinala que a actuación vai en consonancia cos proxectos que se están a tramitar ou que xa se impulsaron noutros núcleos do municipio, cos que se busca “darlle aos espazos públicos un uso plural e seguro, fomentando mobilidades alternativas e outorgando prioridade aos peóns, ao mesmo tempo que se respectan os muros e construcións tradicionais existentes nestas zonas”.

Así, na memoria do proxecto figura a dotación dunha plataforma única, con superficie de pedra, para garantir a seguridade viaria. Apóstase por reducir a velocidade a 30 quilómetros por hora e se contempla, asemade, implantar o sentido único nalgunhas rúas que contan cunha anchura moi reducida, o que dificulta, en moitas ocasións, o tránsito de vehículos e peóns. Ademais, o tráfico en varios lugares estaría restrinxido a residentes ou servizos, co que se acadaría unha importante redución de emisións de CO2, cumprindo, deste xeito, cun dos puntos establecidos na Axenda 2030 e que tamén figura no Plan de Mobilidade Sostible aprobado polo Goberno local no ano 2019. “É precisamente a creación deste documento o que permite ao Concello optar a axudas destinadas a facer realidade este tipo de melloras”, lembra o titular de Urbanismo, que engade que a obra tamén busca a mellora de espazos “que na actualidade se atopan nun importante estado de deterioro”, así como a dotación de servizos como saneamento e pluviais. Tamén se procederá a renovar o alumeado público.

“A posta en marcha desta actuación serviría para mellorar a seguridade e poñer en valor unha zona moi importante de San Salvador, na que se atopa unha gardería, un parque infantil ou a propia Casa Museo de Colón”, conclúe Gregorio Agís.