fbpx

A concelleira de Obras e Servizos Municipais e tenente de alcalde de Poio, Chelo Besada, visitou na mañá deste venres o lugar de Covadalaxe, na parroquia de Samieira, onde nas vindeiras semanas se levará a cabo unha actuación destinada a dotar a esta zona de servizos de saneamento e abastecemento. A edil do PSdeG-PSOE lembrou que este proxecto foi adxudicado á empresa Narom Sociedad Limitada. A adxudicación foi aprobada na última sesión da Xunta de Goberno Local. Estes labores contarán cun orzamento que ascende a un total de 25.686,84 euros, IVE engadido.

Besada explicou que un total de oito empresas presentaron ofertas para realizar as obras, que incluirán, ademais da instalación das tubaxes, a mellora do pavimento. Deste xeito, a Concellería de Obras continúa coa súa folla de ruta á hora de dotar deste tipo de servizos a diferentes puntos do rural do concello. Neste sentido, a tenente de alcalde recorda que ao longo das últimas semanas tamén se procedeu a executar actuacións similares noutros lugares, como é o caso do Camiño Salgueiral ou no Camiño da Bouza, onde os traballos xa están a piques de rematar. “Continuamos coa nosa folla de ruta para seguir incrementando a porcentaxe de territorio do municipio que conte con saneamento e abastecemento, que xa está por riba do 95%”, aseverou Besada Lores, que explica que o Concello leva investido nestas actuacións preto de 60.000 euros nos últimos meses.