fbpx

O Concello de Poio considera “totalmente insuficiente” a decisión de Abanca de dotar á parroquia de Raxó cun caixeiro automático. Se ben é certo que esta medida, que foi trasladada por un responsable da entidade financieira ao alcalde, Luciano Sobral, e aos e ás portavoces dos grupos da Corporación nunha reunión mantida este venres no Consistorio, cubre unha necesidade creada pola propia Abanca en 2013, cando deixou a Raxó sen este servizo, “nin moito menos soluciona todos os problemas que está a producir o peche sistemático de oficinas en toda Galicia”.

É o caso, por exemplo, de Campelo, que desde o pasado día 8 xa non conta con servizo presencial nas instalacións situadas na Rúa Pedro Soto, onde só se deixou operativo un caixeiro automático. Isto obriga aos clientes a ter que desprazarse ata as dependencias situadas na Barca (San Salvador) ou en Combarro en caso de que precisen ser atendidos de xeito presencial.

Na reunión, tanto o rexedor como os representantes de BNG (Marga Caldas), PSOE (Chelo Besada), Avante Poio (Silvia Díaz) e Partido Popular (Ángel Moldes) reafirmáronse na súa postura de esixir que Campelo recupere a súa oficina como ata o de agora, toda vez que prestaba servizo a milleiros de veciños e veciñas de toda a parroquia de San Xoán, que é, despois de San Salvador, a que presenta un maior número de habitantes (preto de 7.000). Goberno local e oposición coinciden en que esta decisión non afecta á batería de medidas xa acordadas desde o momento que se tivo coñecemento da intención de Abanca de pechar a oficina de Campelo, e que foron aprobadas por unanimidade no último Pleno ordinario.

Deste xeito, continuarase coa campaña informativa para animar ao tecido colectivo de San Xoán, así como á veciñanza en xeral, a que cancele as súas contas e retire os seus fondos desta entidade. Pola súa banda, a Administración local tamén está a estudar fórmulas para acometer esa acción, de xeito que implique as menores molestias posibles á hora de prestar servizo á cidadanía. O Concello tampouco descarta levar a cabo novas mobilizacións e insiste na necesidade de ir da man coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) á hora de tratar de frear unha política que “o único obxectivo que busca é obter o máximo beneficio económico posible, sen ter en conta as consecuencias e os problemas que peches como o da oficina de Campelo producen na poboación, especialmente entre a xente maior e as persoas que non dispoñen de medios propios para trasladarse a outras oficinas”.