fbpx

O Concello de Poio ten previsto adquirir proximamente un total de 700 composteiros individuais, que serán postos a disposición da veciñanza de xeito gratuíto. A tenente de alcalde e responsable do departamento de Obras e Servizos Municipais, Chelo Besada (PSOE), explica que este proxecto atópase agora mesmo cubrindo os trámites necesarios para sacalo a licitación. Cómpre lembrar que o Concello reservou no seu momento unha partida específica do Remanente de Tesourería correspondente ao exercicio económico de 2020 para a compra destes recipientes, que cada vez son máis demandados por parte da cidadanía para a elaboración de compost.

Besada lembra que a contía en cuestión ascende a uns 100.000 euros aproximadamente, que non só se utilizarán para a compra destes composteiros invidiuais, senón tamén para a adquisición de material para os Centros de Compostaxe Comunitarios (CCC) que xa están operativos desde hai meses en diferentes emprazamentos e núcleos da parroquia de San Salvador, como son A Caeira, Valiñas ou Rosalía de Castro. A tenente de alcalde de Poio agradece a implicación que están a ter os veciños e veciñas á hora de apostar polo compostaxe no que ao tratamento de residuos orgánicos que, a través deste proceso, poden ser reutilizados como fertilizante natural para xardíns e hortas.

Chelo Besada confía en que estes 700 novos recipientes estean moi pronto a disposición da cidadanía, toda vez que “son xa moitos os veciños e veciñas os que se teñen posto en contacto co Concello para consultar sobre o seu uso e solicitar unha unidade. Trátase sobre todo de residentes en zonas nas que aínda non hai composteiros comunitarios”. Ademais, a concelleira de Obras e Servizos Municipais amosa a súa satisfacción pola rapidez coa que se esgotou o reparto dos composteiros individuais que o Concello de Poio recibiu por parte de Sogama hai uns meses, ao abeiro da adhesión da Administración local ao Programa de Compostaxe Doméstico impulsado pola propia Sogama . Algúns destes recipientes tamén foi instalado no Centro de Maiores Ballesol, na parroquia de San Salvador, así como en diferentes centros educativos.

A concelleira socialista do Goberno municipal agradece a colaboración e implicación da veciñanza á hora de participar neste proceso e fai fincapé na importancia que ten a compostaxe no que ao respecto medioambiental se refire, así como os beneficios desde o punto de vista económico que tamén se poden obter, xa que “grazas á elaboración de compost pódese reducir o número de toneladas de lixo que se envía anualmente a Sogama, o que redunda nun descenso na contía do recibo”. Por outra banda, Besada lembra tamén que a veciñanza pode solicitar o compost resultante do tratamento que se realiza nos Centros Comunitarios de Compostaxe de San Salvador. O único requisito é estar empadroado no municipio.