fbpx

Un ano e medio despois desde o inicio da pandemia, que obrigou á paralización de toda actividade non esencial, a Concellería de Benestar Social está a piques de retomar a súa tradicional programación, que neste curso 2021-2022 aposta por recuperar iniciativas xa coñecidas e clásicas, como o Programa Saudemente ou as clases de cociña de Elena Argüello, combinándoas con novidades como cursos de cianotipia ou caligrafía creativa. DESCARGAR PROGRAMA | FORMULARIO

Como non podía ser doutro xeito, boa parte desta programación vai dirixida ás persoas maiores. A concelleira responsable deste departamento, a socialista Rosa Fernández, lembra que “durante a pandemia estivemos moi pendentes destes veciños e veciñas, que foron un dos colectivos máis expostos aos perigos da pandemia”. A supresión das clases presenciais fixo que a Concellería de Benestar idease outras alternativas para que os usuarios e usuarias puidesen continuar nas súas casas cos seus exercicios de memoria ou de actividade física. Para iso, enviáronselle, coa inestimable axuda de Protección Civil de Poio, fichas e documentos vivenda por vivenda. Agora, coa situación sanitaria xa máis normalizada, volven as clases presenciais, cumprindo en todo momento coas pertinentes medidas de seguridade no que a aforo, hixiene e distanciamento se refire. Deste xeito, as sesións de Saudemente, que están dirixidas a persoas maiores de 60 anos, tanto as correspondentes a memoria como a ximnasia, volven os martes e xoves ao pavillón da Seca (de 10.00 a 12.00 horas), ao local social de Campelo (de 17.30 a 19.30 horas), Escola do Campo de Combarro (de 10.00 a 12.00 horas), Centro Cultural Xaime Illa de Raxó (de 16.00 a 18.00 horas), Comunidade de Montes Rega do Can de Samieira (luns e mércores, de 10.00 a 12.00 horas), e ao local social de Vilariño, martes e xoves de 18.30 a 20.30 horas. En todos os casos a cota mensual será de 10 euros.

Rosa Fernández informa, asemade, que seguirán as clases de ximnasia e tai-chi os luns, mércores e venres de 10.00 a 11.00 ou de 11.00 a 12.00 horas, cun prezo de 12 euros mensuais. Retómanse tamén as clases de coro de maiores, os xoves de 17.00 a 19.00 horas, que serán gratuítas, así como as sesións de teatro para adultos, os venres de 19.30 a 21.00 horas, que tamén serán de balde.

Para as persoas maiores tamén está pensado o tradicional Bingo Entretido, que se celebra en cada parroquia unha vez ao mes. Por outra banda, entre as novidades na programación atópase un obradoiro sobre uso de teléfonos móbiles ‘smartphones’, en grupos reducidos e horarios de tarde, tamén gratuíto. Ademais, a Casa Rosada ofrecerá, os martes da terceira semana de cada mes, paseos polo concello, para potenciar a actividade física, con saídas ás 10.00 horas. Con respecto ás actividades máis clásicas, tampouco faltarán os cursos de corte e confección, cunha cota de 22 euros mensuais, ou as sesións de cociña na Casa Rosada de Elena Argüello, que se recuperan con 8 clases a realizar en outubro e novembro, cunha inscrición de 50 euros.

Con respecto ás grandes novidades, o 23 de outubro a Casa Rosada acollerá un curso de cianotipia, unha técnica a cabalo entre a fotografía e o deseño, que permite crear copias de imaxes dun xeito sinxelo e creativo. A inscrición será de 15 euros, materiais incluídos, e o horario de 10.00 a 14.00 horas. O 12 de novembro, de 17.00 a 21.00 horas, ofrecerase un taller de Macramé, unha técnica tradicional para liberar tensións con creacións utilizando cordas. Por último, o venres 19 de novembro, co mesmo horario, haberá unha clase de iniciación á caligrafía creativa. En ambos casos, o prezo tamén será de 15 euros.

Rosa Fernández explica que as inscricións poderanse realizar chamando ao 986772401. Tamén é posible darse de alta cubrindo o formulario que xa está dispoñible. A concelleira de Benestar Social informa de que a programación está suxeita á evolución da pandemia da COVID-19. Ademais, á hora de inscribir ás persoas interesadas darase prioridade á veciñanza de Poio.