fbpx

Preto de 30 persoas participarán este domingo na primeira actividade ao aire libre do Programa Cultural de Outono, impulsado pola Concellería de Cultura. O departamento dirixido pola nacionalista Raquel Rodríguez informa que será a partires das 11 horas, deste 19 de setembro, cando se realice a andaina das Fervenzas do Pereiro, na parroquia de San Xoán. O punto de encontro será no propio lugar do Pereiro, ao inicio da senda.

A concelleira titular da área lembra que se trata dunha iniciativa que está pensada “para ser gozada en familia, tanto por crianzas como por maiores”. Recoméndase levar roupa e calzado cómodos para realizar a actividade, que estará amenizada polo Trasno Mireko, encargo de sorprender aos asistentes con diferentes xogos para cativas e cativos.

Cómpre recordar que este programa cultural tamén inclúe unha segunda ruta, que terá lugar o 3 de outubro, tamén ás 11 horas. Nese caso, será na Ruta dos Muíños de Samieira. A través deste tipo de iniciativas, a Concellería de Cultura busca poñer en valor e dar a coñecer paraxes do municipio de gran valor patrimonial, histórico e paisaxístico. Entre os meses de setembro e outubro desenvolveranse outras iniciativas lúdicas tanto no Centro Cultural Xaime Illa como na Biblioteca de Campelo. Toda a información pódese consultar na páxina web do Concello (www.concellopoio.gal) ou nos perfís oficiais nas redes sociais do Consistorio e de Poio Cultura