fbpx

A Concellería de Benestar Social súmase á campaña impulsada pola Federación Alzhéimer de Galicia (FAGAL) para conmemorar o día internacional desta enfermidade, o vindeiro 21 de setembro. As redes sociais serán as grandes protagonistas da iniciativa, xa que a través delas toda a cidadanía poderá participar para “continuar dando visibilidade a esta doenza, facendo fincapé na importancia da prevención e da obtención dun diagnóstico precoz”, tal e como explica a concelleira delegada deste departamento, a socialista Rosa Fernández.

Deste xeito, os perfís oficiais do Concello sumaranse nos vindeiros días á campaña virtual #AlzheimerHoxe. Utilizando este cancelo, todas as persoas que o desexen poderán dar visibilidade á iniciativa subindo aos seus perfís de Instagram e Facebook unha foto posando cun reloxo. “Pode ser de area, dixital ou analóxico. A intención é facer fincapé na importancia de diagnosticar canto antes un caso de Alzhéimer, de cara a que as persoas que o padecen poidan ter a maior calidade de vida posible, a través de diferentes iniciativas que leven a unha vida saudable”, sinala a responsable de Benestar Social e Mocidade.

Ademais, a concelleira do Goberno local quere expresar o seu agradecemento á implicación e colaboración que van amosar tres referentes do municipio a nivel cultural, musical e audiovisual. A poetisa Tamara Andrés, o responsable da Escola de Acordeóns de Campelo, Juan José Mariño, e o produtor visual Rafa Sabucedo súmanse a este proxecto. “Os tres están a traballar nunha acción creativa que daremos a coñecer nas redes sociais do concello o vindeiro martes 21 de setembro e que sen dúbida tamén axudará a dar visibilidade e concienciar sobre a importancia de loitar contra esta enfermidade”, conclúe Rosa Fernández, que expresou o seu agradecemento aos protagonistas desta proposta o seu interese e adicación.