fbpx

O punto de información habilitado no Concello de Poio, a través da Concellería de Promoción Económica, para achegar asesoramento en cuestión relacionadas coa dotación de fibra óptica vén de tramitar máis de 20 xestións desde a súa posta en marcha a finais do pasado mes de xuño. O concelleiro responsable deste departamento, o socialista Gregorio Agís, lembra que este servizo púxose en marcha fundamentalmente para poder atender ás persoas afectadas polo incumprimento por parte da empresa Telefónica no que á dotación deste tipo de conexión a Internet se refire. As reclamacións e queixas son tramitadas por un técnico municipal e remitidas posteriormente á entidade privada. Esta atención ao público realízase semanalmente os xoves, en horario de 12.00 a 14.00 horas.

Agís indica que “o que facemos é asesorar e dar información para resolver as dúbidas que poida ter a veciñanza con respecto a este tema, ademais de dar traslado a Telefónica das queixas”. O edil do Goberno local salienta que as incidencias que se recibiron proveñen das cinco parroquias, se ben a meirande parte corresponden a veciños e veciñas de Samieira e San Salvador. O responsable de Promoción Económica insiste en que Telefónica “está obrigada a estender a fibra óptica por todo o término municipal antes de que remate o ano, tal e como establece o Plan Sectorial de Despegue de Banda Ancha”. Gregorio Agís tamén recalca o compromiso establecido por parte da Administración municipal para “tratar de facilitar e axilizar os procesos, dentro das nosas competencias”. Proba disto é, por exemplo, o informe favorable emitido pola Xunta de Goberno Local hai unhas semanas para permitir unha actuación de Telefónica no lugar de Monte Bouza, na parroquia de Samieira, encamiñada a dotar de fibra óptica a este núcleo para, precisamente, continuar avanzando no devandito plan de despegue deste servizo. Tal e como consta nos informes, a empresa deberá utilizar preferentemente canalizacións xa existentes. No caso de ter que executar obras civís deberá solicitar a pertinente licenza, así como obter as aprobacións sectoriais necesarias.

 Por outra banda, o Concello tamén defende a necesidade de fomentar a libre competencia no que á dotación da fibra óptica no municipio se refire. Precisamente, este mesmo verán tamén se daba luz verde a un proxecto de rede aberta, que permitiría o acceso en igualdade de condicións a todos os operadores de telecomunicacións, asegurando oportunidades “de xeito equitativo” para todas as empresas, ao mesmo tempo que se garante a sostibilidade e o respecto do medio ambiente. Unha vez habilitada, a rede poderase alugar tanto a operadores locais de Galicia como aos de ámbito nacional.