fbpx

O bo traballo que durante anos se ven realizando na escola de ciclismo encadrada dentro do Deporte Base-Escolas Deportivas do Concello de Poio, vexe reflectido na creación desta nova sección, da que formarán parte antigos alumnos da escola como Manu Barreiro (na categoría cadete) ou Héctor García (Campión Galego de ciclocross no ano 2020 na categoría cadete, e que nesta tempada participará na categoría junior).

A esta xoves promesas os acompañarán coa súa experiencia e apoio Miguel Castro (categoría élite), Xurxo Cidrás e Paco Albar (categoría máster 40) e Ricardo Escudero (categoría máster 50), corredores xa habituais nas probas de ciclocross da nosa comunidade. Igualmente, para esta tempada 2021 contan coa importante incorporación de María Aguete (categoría máster 30) e Andrea Pousada (categoría máster 40), sendo un dos obxectivos fundamentais do club a promoción deste deporte entre as rapazas do municipio.

O obxectivo nesta primeira andadura é completar o calendario galego da modalidade así como poder competir en probas da Copa de España de Ciclocross. O camiño comeza o vindeiro 3 de outubro coa celebración do IV Ciclocross Poio Móvese, pertencente ao calendario da Federación Galega de Ciclismo, na contorna da Seca. Así mesmo, o seguinte fin de semana terá lugar en Pontevedra a primeira proba da Copa de España.

Á presentación acudiu a Concelleira de Deportes Marga Caldas, que recalcou “o apoio do concello ao desenvolvemento do tecido deportivo do municipio, de xeito que os/as deportistas que se forman no deporte base teñan un camiño no que seguir crecendo”."