fbpx



O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, deu a coñecer que a asistencia ás actuacións musicais desta fin de semana, no marco da programación Verán en Poio 2021, será de pé, o que permitirá que permitirá gozar dun xeito máis libre acordo á ampliación dos aforos e indicacións que a consellería de Sanidade vén de anunciar para os eventos musicais. Deste xeito a explanada da Seca será o epicentro da despedida da programación de verán, co protagonismo de dúas grandes orquestras de renome, como son París de Noia e o Combo Dominicano.

Tal como explica o edil nacionalista, “só quedan as derradeiras entradas para París de Noia, estando esgotadas xa as do Combo Dominicano que se puxeron de balde a disposición da cidadanía en woutick,es”. Para tal efecto, este venres 24 e sábado 25 de setembro,  a concellería de Festexos disporá dun dispositivo especial na Explanada da Seca, que constará dun recinto acoutado dividido en dous sectores diferenciados diante do escenario con capacidade para 500 persoas cada un,  tal como indica a normativa  autonómica en materia de prevención COVID. O acceso será común e por orde de chegada e a apertura de portas aos dous eventos será ás 21.00 horas, unha hora antes da actuación.

“Grazas ao proceso de vacinación e á concienciación da veciñanza, atopámonos nun contexto no que podemos garantir actuacións seguras onde se poida sentir a música doutro xeito a como se viña facendo ata o de agora” engade o representante do Goberno Local.

Domingo cultural

Por outra banda, Xosé Luís Martínez tamén amosou a súa satisfacción polo feito de que este domingo 26 de setembro a partir das 19:00 horas poderemos asistir a outros dous eventos culturais no Parque Costa Giráldez,  retomando así os eventos culturais que se tiveron que aprazar por mor do tempo.

Por unha banda o clown e humor de Isolada, a historia da pallasa Pajarito que chega e se queda soa nunha illa deserta ás 19:00 horas no Parque Costa Giráldez, e de seguido ás 20.00 horas o concerto de música tradicional da man de Pelepau, formación folk viguesa de recoñecida traxectoria composta por 11 percusionistas que presentan unha revisión do repertorio tradicional de cancións da nosa terra nun espectáculo dinámico e interactivo.