fbpx

Xa está todo listo para que as Escolas Deportivas de Poio inicien o curso 2021-2022. A concelleira de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, confirma que esta temporada serán once as modalidades que se oferten. Trátase de fútbol, fútbol sala, balonmán, baloncesto, ximnasia rítmica, tríatlon-dúatlon, taekwondo, piragüismo, kaiak-polo, tenis e ciclismo. No caso das cinco últimas, as inscricións xa se poden tramitar na páxina web do Concello, onde xa está dispoñible o formulario. Ademais, alí tamén se poderá consultar toda a información vencellada con estas actividades, que son xa un clásico na oferta de lecer e de hábitos saudables do municipio e que cada ano contan cun gran número de participantes.

Caldas Moreira celebra que, despois das dificultades experimentadas nas dúas últimas temporadas por mor da pandemia da COVID-19, “nesta ocasión iniciamos o curso nunhas condicións moi favorables, cunha situación sanitaria moi boa e co proceso de vacinación plenamente consolidado”. En todo caso, a edil do Goberno local deixa claro que “estaremos moi pendentes da evolución da pandemia, para que, en caso de que sexa necesario, poidamos actuar para adaptarnos ás circunstancias”. Neste sentido, a concelleira de Deportes destaca o “gran labor” que realizaron os clubs durante a temporada pasada, na que “os constantes cambios nas restricións dificultaron a realización de actividades e, aínda así, en Poio fomos quen de manter unha oferta deportiva segura para as crianzas e a mocidade”.

Os adestramentos darán comezo o vindeiro luns 4 de outubro. Á marxe das disciplinas que se poden tramitar a través da web municipal, o resto de inscricións deberán realizarse a través dos clubs. A Concellería de Deportes xa se puxo en contacto cos centros educativos e ANPAS de Poio para trasladarlles toda a información. Marga Caldas garante que toda a actividade será federada e estará rexida polos protocolos deseñados polas respectivas federacións. Asemade, a concelleira nacionalista indica que as prazas serán limitadas, en función da modalidade deportiva, en aras de garantir o aforo e o número de integrantes en cada grupo. A adxudicación das prazas procederase a realizar atendendo á orde de inscrición.

Ademais, a responsable do departamento de Deportes tamén confirmou que nesta temporada manteranse as mesmas tarifas e cotas que en edicións anteriores. Marga Caldas confía en que o número de inscritos e inscritas retome o ritmo previo á chegada da pandemia, porque “o deporte é sinónimo de saúde e de benestar físico” e tamén grazas “á implicación que, en coordinación do Concello, desenvolven os nosos clubs, o que facilita que Poio conte cunha canteira de gran nivel, que se traduce tamén na formación de deportistas que, en moitos casos, acaban sendo auténticos referentes a todos os niveis”, finalizou.