fbpx

A mestra composteira do Concello de Poio vén de facer entrega a varios veciños e veciñas de sacos e bolsas de compost resultante do tratamento que se realiza nos Centros de Compostaxe Comunitario (CCC) dos que dispón a parroquia de San Salvador. O pasado xoves procedeuse a realizar as entregas no recipiente situado no parque Rosalía de Castro, no lugar de Ferreirós. A doazón deste fertilizante natural é unha realidade, precisamente, grazas ao éxito que está a contar este servizo no que á utilización por parte da cidadanía se refire.

Cómpre lembrar que está a piques de cumprirse un ano da posta en marcha do composteiro comunitario de Ferreirós. Ao longo do 2020 e de 2021 foron habilitándose outros dispositivos noutras zonas de San Salvador, como é o caso de Rúa Valiña ou na Caeira. De cara ao futuro, a intención do Concello é a de continuar habilitando estes centros noutros núcleos, ademais de fomentar a entrega de recipientes individuais.

Tal e como explica a concelleira de Servizos Municipais, Chelo Besada (PSOE), o compost ofrécese para o seu uso como fertilizante para terreos, hortas e macetas, e pode ser retirado tanto en sacos como en bolsas, en función da dispoñibilidade. O fertilizante natural ofrécese a toda a veciñanza de xeito gratuíto, dándolle prioridade ás persoas que son usuarias habituais dos CCC en Poio. Para dispor del, basta con poñerse en contacto telefónico coa mestra composteira, a través do número de teléfono 604025288, en horario de 8.30 a 14.30 horas. Este compost é un fertilizante natural, válido para agricultura ecolóxica, e que é resultado de mesturar restos orgánicos que entrega a veciñanza con madeira triturada, logo de pasar polo pertinente proceso de compostaxe. Besada Lores fai fincapé no feito de que “se existe unha cantidade importante deste elemento para poñer á disposición da xente é grazas, precisamente, á implicación da cidadanía á hora de apostar pola realización deste proceso. Isto demostra que en Poio hai unha concienciación moi importante no que ao respecto polo medio ambiente se refire”.

Os e as solicitantes poden especificar que cantidades precisan. Este servizo é gratuíto, se ben os usuarios e usuarias deberán devolver os sacos limpos ou repoñelos en caso de que sufran algún desperfecto. A veciñanza pode obter máis información sobre este servizo a través da páxina web do Concello.