fbpx



Logo da chegada da pandemia da COVID-19 en 2020, a temporada estival de 2021 foi a da recuperación de Poio como destino turístico de referencia dentro do Norte de España. Así o corroboran os datos de ocupación e reservas de aloxamento ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro. A media roldou o 66%, unha cantidade que, en liñas xerais, deixa ao sector nuns índices moi similares aos que se viñan acadando antes da crise sanitaria. A concelleira de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), pon como exemplo da recuperación os datos correspondentes ao mes de setembro, no que a media de ocupación en Poio situouse nun 50%. “Os rexistros resultaron especialmente positivos durante a primeira quincena, superándose o 60%, o que se traduce en case o dobre de reservas con respecto ao mesmo período de 2020”, explica a edil do Goberno local, que lembra que o ano pasado, coas primeiras restricións xa en vigor por mor da evolución da segunda vaga do virus, a ocupación media no último mes do verán apenas superou o 30%.

Díaz Iglesias tamén salienta que “hai que ter en conta que a partires da segunda quincena o turismo familiar decae, co inicio da tempada escolar e, ademais, algúns establecementos cesan xa a actividade nestas datas”. A día de hoxe, mantéñense operativos os negocios que se sitúan nas proximidades nos núcleos urbanos do municipio, que traballan fundamentalmente con excursións e viaxes de grupos. “A actividade manterase ata a conclusión desta ponte festiva”, augura a responsable do departamento de Turismo. Como non podía ser doutro xeito, o balance realizado pola concelleira de Avante Poio é moi positivo. “En todos estes meses non só se incrementaron as porcentaxes de ocupación con respecto a 2020, algo que era esperado pola chegada da vacinación e a evolución favorable da situación epidemiolóxica, se non que nalgúns períodos chegamos a acadar as mellores cifras do lustro, como sucedeu durante a segunda quincena de agosto, onde se superou o 90% de ocupación”, indica Silvia Díaz.

Unha vez rematado o verán, os esforzos centraranse na consolidación de Poio como destino de referencia ao longo de todo o ano. “Temos claro que o noso municipio conta con puntos de interese e atractivos desde o punto de vista da natureza, gastronómico e patrimonial o suficientemente importantes para fomentar a desestacionalización e o turismo de proximidade”, sinala a concelleira de Avante Poio. Precisamente, estas serán algunhas das cuestións que se abordarán nunhas xornadas sobre promoción turístico que se desenvolverán antes de que remate o ano. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Concellería de Turismo e que está destinada a profesionais da hostalería e da restauración. “O ano 2022 será moi importante para consolidar a recuperación do sector de xeito definitivo, máxime tendo en conta que seguirá sendo Ano Xacobeo, ao igual que en 2021, e agardamos que, de seguir a tendencia actual, poidamos xa traballar nun contexto de normalidade”, indica Díaz Iglesias, que tamén resalta a importancia da coordinación entre o sector privado e as institucións públicas á hora de seguir reforzando un dos motores económicos máis importantes de Poio.