fbpx

O novo parque de calistenia co que contará proximamente o municipio de Poio pasará a emprazarse nas inmediacións do Parque de Costa Xiráldez, en Lourido (San Salvador). Así o anunciou este luns a concelleira de Deportes, Marga Caldas (BNG), que explica que este proxecto poderá facerse realidade logo de que Costas do Estado dese o visto bo ao emprazamento, requisito indispensable para que poida ser unha realidade. A actuación contará cun orzamento total que rondará os 24.000 euros aproximadamente, IVE engadido. Precisamente, segundo avanzou a edil do Goberno local, está previsto que no vindeiro Pleno ordinario de outubro, que se celebrará o día 26 (19.30 horas), se aborden unha serie de modificacións orzamentarias, que permitirán a obtención de financiamento para o desenvolvemento de diferentes actuacións, entre as que se atopa a dotación destas instalacións.

Segundo consta no proxecto, o parque contará cunha extensión de máis de 150 metros cadrados, con capacidade para acoller a 10 usuarios e usuarias de forma simultánea, sempre e cando non sexa preciso adoptar medidas restritivas ou de distanciamento por mor da pandemia da COVID-19. Caldas Moreira lembra que os parques de calistenia están pensados para ofrecer á veciñanza aparellos cos que fortalecer e traballar diferentes partes do corpo, a través da realización de rutinas de coordinación, flexibilidade, tonificación ou forza. “Coa posta a punto destas instalacións damos resposta a unha demanda veciñal e, ademais, continuamos coa folla de ruta que nos marcamos á hora de apostar polo deporte como hábito saudable e de lecer”, indica a concelleira de Deportes.

Outra das cuestións que salienta a edil do BNG é a idoneidade do emprazamento dos novos aparellos. “O feito de que se este parque se atope en Costa Xiráldez servirá para completar a oferta de lecer que a cidadanía se pode atopar nesta zona de Lourido, onde xa existe un área infantil, as praias de Lourido e Cabeceira e outros espazos moi utilizados tanto por parte da veciñanza como dos e das visitantes que recibe Poio habitualmente”, argumenta Marga Caldas, que salienta o “ámbito multidisciplinar” deste emprazamento. “Facíase necesario ofertar un parque destas características para fomentar a práctica do deporte, de xeito gratuíto e ao aire libre, entre persoas de todas as idades”, conclúe.

Unha vez se aprobe a modificación orzamentaria, o Concello iniciará a tramitación para comezar coa instalación do parque de calistenia, que se adaptará totalmente á contorna.