fbpx



O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís (PSOE), confirmou a aprobación do expediente de contratación para a redacción do proxecto técnico de acondicionamento e seguridade peonil na fronte costeira de Raxó, que, en concreto, afecta á rúa Ramón Encinas, nas proximidades do peirao. Trátase dunha ambiciosa actuación que está presupostada en máis de 800.000 euros e que será financiada a través de fondos europeos obtidos a través do  do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Goberno estatal. As xestións realizadas por este departamento municipal serviron para obter 563.088,15 euros, cos que se cubrirá o 80% do orzamento, mentres que o 20% restante será asumido polo propio Concello.

Con respecto á redacción do proxecto técnico, Agís Gómez sinalou que esta tarefa, que xa recibiu o visto bo da Xunta de Goberno Local, contará cun orzamento que ascende a 54.563,74 euros, IVE engadido. “Nos Orzamentos municipais de 2021 xa incluímos unha partida específica para a redacción de proxectos de gran calado, que realizaremos a través da obtención de fondos europeos”, lembrou o titular de Urbanismo, que tamén garante que o documento terá en conta as demandas da veciñanza. “Estamos a falar dunha actuación capital para o núcleo de Raxó, que é un referente a nivel turístico e hostaleiro”. Por iso, o edil do Goberno municipal anuncia que se convocará unha xuntanza co tecido social da parroquia, para expoñerlles os detalles da obra e “recoller as súas propostas e suxestións, sempre que sexa posible”.

Con respecto á actuación, búscase facilitar a convivencia no tránsito a pé ou en bicicleta, reducindo a circulación de vehículos e mellorando a seguridade viaria, ao tempo que se logra unha importante redución da pegada de carbono. A obra incluirá a dotación dunha plataforma única nunha lonxitude de preto de 300 metros, ademais da creación de dúas zonas exclusivas para peóns, unha na parte máis próxima á praia e outra ás vivendas e locais existentes na zona, o que redundará “nunha mellora da accesibilidade”, segundo sinala Gregorio Agís. Ademais, o proxecto tamén inclúe a renovación do alumeado e a dotación de servizos como unha rede de pluviais.

Tal e como marcan os prazos establecidos polo IDAE, a obra deberá estar lista no verán de 2023. Actualmente, o Concello conta con seis meses para realizar os trámites previos á contratación da obra, sendo a aprobación da redacción do proxecto o primeiro paso. O edil de Urbanismo salienta a importancia de “ter reservados fondos propios para a xestión de axudas de gran calado”. Esta medida incluíuse no Plan Activa21, impulsado polo Goberno local para reactivar a economía local como resposta á crise sanitaria da COVID-19.