fbpx

Ao longo dos últimos anos, o tecido educativo de Poio confirmouse como un exemplo de concienciación no que ao respecto e coidado polo medio ambiente se refire. Proba disto é o feito de que cada vez son máis os centros que apostan por implicarse na compostaxe, a través de iniciativas que axuden a fomentar valores de coidado pola natureza e o planeta entre o alumnado. Co obxectivo de seguir con esta filosofía, a mestra composteira do Concello de Poio está visitando ao longo desta semana os colexios do municipio, a fin de achegar información sobre actividades que se poden realizar tanto desde a propia Administración municipal como a través do  Programa Educativo do Plan Revitaliza, con sesións e obradoiros que ofrecen técnicos e técnicas do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), adaptados a cada curso e en función das idades dos e das estudantes.

A concelleira de Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, salienta a “gran aceptación” que en cursos pasados tiveron as propostas vencelladas á compostaxe tanto nos colexios como no IES. “A día de hoxe son xa varios os centros que contan con composteiros instalados, como é o caso de Chancelas, Viñas, Lourido ou o instituto. A nosa idea é que esta lista siga medrando”, indica a titular do departamento. Entre as actividades que se realizan ao longo do curso figuran charlas sobre o funcionamento destes dispositivos, así como os beneficios, ademais de sesións de montaxe e uso dos composteiros. “Nalgúns casos a experiencia tivo unha acollida tan positiva que xa contan con dúas unidades, como é o caso do IES”, indica Rodríguez Alonso, que adianta a previsión de habilitar neste centro unha horta ecolóxica. “Son ferramentas que non só axudan a apostar por unha filosofía ‘en verde’ de Poio, senón que tamén serven para ofrecer propostas educativas en materias como Química ou Bioloxía”, sinala a concelleira de Educación.

Tamén está previsto que ao longo do curso 2021-2022 se manteñan as visitas de escolares aos Centros de Compostaxe Comunitarios (CCC) habilitados na parroquia de San Salvador. Estas excursións resultaron todo un éxito durante a pasada tempada lectiva e, ao igual que o resto de actividades formativas desenvolvas nos colexios e no IES, leváronse a cabo cumprindo con todas as medidas sanitarias pertinentes.