fbpx

A concelleira de Deportes, a nacionalista Marga Caldas, anunciou a apertura “de xeito seguro e progresivo” dos vestiarios das instalacións situadas no complexo polideportivo da Seca, na parroquia de San Xoán. Deste xeito, poderán empezar a utilizarse as duchas logo da realización de adestramentos e da disputa de partidos e probas de competición, se ben os e as usuarias deberán cumprir en todo momento cunha serie de medidas que axuden a garantir o distanciamento e a seguridade de todos e todas.

Esta medida é efectiva desde o pasado mércores, 20 de outubro. Caldas Moreira explicou que, ademais de enviar toda a información aos clubs, tamén se habilitaron carteis informativos, nos que se detallan as medidas que se deben cumprir. Deste xeito, o uso de máscara será obrigatorio, salvo no momento de entrar á ducha. Ademais, haberá que garantir en todo momento unha distancia de 1,5 metros entre as persoas que se atopen no interior das instalacións. Serán os adestradores os encargados de velar por este cumprimento e establecer as quendas para o uso das billas. As mochilas quedarán fóra dos vestiarios para que haxa máis espazo. Ademais, non todas as duchas se poderán utilizar, debendo quedar alo menos unha sen usar entre usuarios e usuarias.

Con respecto ao aforo, tanto no campo de fútbol da Seca como no da Reiboa, nos vestiarios só poderá haber 8 persoas nos bancos e 5 nas duchas. No caso do pavillón, serán 7 e tres, respectivamente. Por último, no ximnasio, o vestiario masculino terá capacidade par 7 persoas nos bancos e dúas nas duchas, mentres que no feminino será de 4 e 1, respectivamente. Estas medidas poderanse ir modificando en función da evolución a situación sanitaria.

A este respecto, a concelleira de Deportes entende que “o contexto actual no que nos atopamos, xa practicamente ás portas dunha nova normalidade, permítenos ir facilitando a utilización dos vestiarios. Somos conscientes do necesario que resulta que os e as deportistas de diferentes idades poidan cambiarse e ducharse coa máxima comodidade posible, pero non debemos baixar a garda e cumprir con todas as medidas de seguridade”, finaliza Marga Caldas, que especifica que, no caso das instalacións deportivas dos centros educativos, só está permitido o uso dos baños, sen duchas. “Esas dependencias réxense polo protocolo establecido pola Consellería de Educación”, lembra.