fbpx

O Concello de Poio vén de adxudicar o proxecto de mellora de servizos no núcleo de San Martiño, na parroquia de San Xoán, cun orzamento que ascende a 78.552,06 euros, IVE engadido. A empresa encargada de acometer estes traballos será EC Casas, logo de saír gañadora do concurso de licitación, no que tomaron parte un total de seis firmas diferentes. A Xunta de Goberno Local xa deu o visto bo a este trámite, polo que a concelleira de Obras e Servizos e tenente de alcalde, a socialista Chelo Besada, confía en que as tarefas dean comezo o antes posible.

Tal e como lembra Besada Lores, o proxecto contempla unha serie de melloras que servirán para dar continuidade aos traballos realizados hai xa varios anos nesta mesma zona para a dotación de saneamento. Deste xeito, mellorarase este servizo e, a maiores, procederase á renovación da pavimentación. A actuación contempla a dotación dun sistema de bombeo, o que facilitará unha mellor adaptación do servizo ás características da zona. Prevese que, grazas a esta actuación, pasen a contar cun mellor sistema de saneamento máis de media ducia de vivendas particulares.

Camiño dos Lamoseiros

Por outra banda, a Concellería de Obras e Servizos Municipais vén de rematar as obras de dotación de abastecemento e saneamento no Camiño dos Lamoseiros, en Campelo (San Xoán). Estes traballos deron comezo a finais do pasado mes de setembro e foron levados a cabo por operarios municipais. “Tamén foi unha actuación complexa, porque era preciso axustar a cota para adaptala ás pendentes existentes, e moi necesaria, porque dá resposta a unha demanda veciñal”, explica a tenente de alcalde. Nos últimos días procedeuse tamén á mellora da pavimentación.

Con este tipo de proxectos, o Concello de Poio mantén a súa folla de ruta de cara a dotar destes servizos básicos a todo o rural do municipio. Actualmente xa está cuberto en máis dun 90% do territorio.