fbpx

No outono de 2007, un grupo de veciños e veciñas maiores de 60 anos participaba nas primeiras sesións do Programa Saudemente, que tiñan lugar no Complexo Polideportivo Miguel Anxo Pazos da Seca. Case tres lustros despois, a iniciativa impulsada desde a Concellería de Benestar Social e Mocidade está plenamente consolidada en Poio. Hai unhas semanas que se puxo en marcha a décima cuarta edición da programación, que, sen dúbida, é unha das máis especiais, ao retomar as sesións presenciais ao 100%, que tiveran que ser suspendidas por mor da pandemia da COVID-19 en marzo de 2020.

A día de hoxe, Saudemente conta con preto de 100 persoas inscritas. “Movémonos en cifras moi semellantes a anos anteriores, a xente que se inscribe sempre quere repetir”, asegura a concelleira de Benestar Social, a socialista Rosa Fernández. A media de idade dos e das participantes é de 80 anos aproximadamente, se ben “contamos con alumnado de máis de 90”. Este é o caso de María Luisa, a máis veterana, con 98 anos. Moi lonxe quedan xa aquelas sesións de exercicio físico na Seca. Actualmente, as actividades esténdese por todas as parroquias. A día de hoxe, aínda quedan prazas libres para os grupos que traballan en Raxó, Samieira, Vilariño e A Seca. Pola contra, está xa o cupo completo para os grupos de Raxó, Samieira e Casa Rosada. Exercicio físico, talleres para exercitar a memoria e o coidado emocional son algunhas das pautas nas que incide o programa Saudemente. “Pero, por riba de todo, tamén está a posibilidade de ofrecer aos nosos maiores a posibilidade de socializar e de que demostren que son capaces de facer manualidades, resolver problemas ou realizar rutinas para o mantemento físico, que é algo que afecta de xeito moi positivo á súa autoestima”, sinala Rosa Fernández, que afirma que “é digna de admiración a motivación dos e das inscritas, que todos os días se esforzan en aprender e acaban moi satisfeitos polo traballo ben feito”. A edil do PSdeG-PSOE resalta a importancia de ofrecer a persoas xubiladas e pensionistas un programa que fomenta a integración a nivel social. “Estamos a falar dunha etapa da vida na que, coa chegada do cese da actividade laboral, moita xente cae no illamento, algo que queremos evitar a toda costa. Por iso, temos o compromiso de manter Saudemente no futuro, para continuar ofrecendo un ambiente amigable e san aos nosos maiores”, asevera Fernández González.

O feito de recuperar as clases presenciais, cumprindo con todas as medidas sanitarias correspondentes, é algo “moi importante”. A concelleira de Benestar Social lembra que, durante o confinamento, enviáronse a domicilio, coa inestimable colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, paquetes con exercicios e traballos para exercitar a memoria. “A xente seguiu traballando desde as súas casas, pero o que de verdade querían eran volver a reunirse, algo que nos solicitaron en todo momento para que se fixese realidade en canto a situación sanitaria o permitise, tal e como así foi”, apunta Fernández.

As persoas maiores de 60 anos que estean interesadas en anotarse nas actividades de Saudemente poden facelo chamando ao 986872401.