fbpx

Despois dun ano de ausencia, motivada pola pandemia da COVID-19, a localidade de Campelo recupera unha das súas citas de outono máis emblemáticas. Trátase da Festa do Samaín, unha iniciativa organizada pola Asociación de Mulleres Arela, en colaboración co Concello de Poio, a través da Concellería de Cultura. A presidenta da agrupación, Esperanza Álvarez, acompañada pola titular do departamento, Raquel Rodríguez, deron a coñecer este luns os detalles dunha actividade que está pensada para o goce de crianzas e maiores e para ser desfrutada en familia.

A festa terá lugar o vindeiro sábado, 30 de outubro, na Praza da Granxa de Campelo, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan. O comezo da celebración está previsto para as 19.30 horas e se estenderá ata as 22.00 horas. Cumpriranse con todas as medidas de seguridade marcadas polas autoridades sanitarias. A cita incluirá  actividades vencelladas á tradición do Samaín e moitas sorpresas. Haberá un ‘apagamento terrorífico’, polo que se anima ás persoas que vaian participar a que leven consigo unha lanterna. Ademais, non faltarán actuacións como a da Araña Matilda, a cargo de Koremi, ou espectáculos de animación pensados para as crianzas, como a Corredoir do Terror. O espírito do Samaín xa se activou hai días en Campelo grazas ao concurso ‘Mamasita K-Medo!’, a través do cal a Asociación Arela anima á veciñanza a adornar os balcóns e as fachadas das súas vivendas con temática propia do Samaín.

O acto pecharase coa entrega de premios aos gañadores do Concurso de Microrrelatos Os misterios de Kam, que este ano conta con tres categorías: de 11 a 16 anos, de 17 a 25 e para maiores de 25. As persoas autoras dos textos mellor valorados polo xurado levaranse 100 euros, ademais dun agasallo conmemorativo.

Raquel Rodríguez amosou a súa satisfacción polo feito de que “pouco a pouco poidamos ir recuperando citas e acontecementos tan emblemáticos como o Samaín, despois de máis dun ano de restricións provocados pola pandemia” e non dubidou en transmitir os seus parabéns á Asociación de Mulleres Arela de Campelo polo “seu esforzo e dedicación á hora de impulsar iniciativas que apostan pola tradición, sen renunciar ao divertimento para as familias”.

Por outra banda, cómpre lembrar que  a programación de ‘Anota Cultura!’ continuará ao longo do vindeiro mes de novembro e parte de decembro, con iniciativas como o ciclo de monólogos que se desenvolverá todos os venres, ata o 10 de decembro, no Centro Cultural Xaime Illa, na parroquia de Raxó. Pódese atopar máis información sobre o programa nos perfís oficiais de Cultura en Instagram e Facebook.