fbpx

Operarios municipais traballan desde hai xa varias xornadas na posta a punto dos cemiterios de Poio, de cara ao Día de Todos os Santos (1 de novembro). Desde a Administración local lémbrase que, se ben os labores no cemiterio municipal se desenvolven con regularidade durante todo o ano, é habitual que nos días previos a esta data tan especial, na que moitas persoas se desprazan ata os camposantos para lembrar aos seus achegados e familiares finados, estes traballos se incrementen.

Deste xeito, desde a semana pasada no cemiterio de San Xoán estase procedendo á limpeza interior das dependencias, que son de titularidade do Concello. Ademais, tamén se están a levar a cabo tarefas de xardinería, mantemento de instalación eléctrica e arranxo do alumeado. Con respecto aos cemiterios xestionados por comisións parroquiais, a Administración municipal está realizando traballos de limpeza nos acesos e proximidades.

Ademais,  tal e como xa é habitual, a empresa responsable da xestión de residuos en Poio, Valoriza, procederá a reforzar a dotación de contedores de lixo con motivo desta data. Por outra banda, o Concello tamén lembra que se habilitarán os dispositivos habituais para garantir a fluidez de tráfico nos acesos. Así o garantiu a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, e o responsable da área de Sanidade, Xosé Luís Martínez, que tamén quixo mandar unha mensaxe de prudencia á veciñanza, no que ao cumprimento de medidas de seguridade contra a COVID-19 se refire. “Vimos de entrar nunha nova normalidade que permite que practicamente este día volva a celebrarse de xeito similar a de anos previos á pandemia, pero non podemos baixar a garda”, sinalan os edís do Goberno local, que apelan ao uso de máscara cando non se poida manter a distancia de 1,5 metros entre persoas non convivintes, ademais de tratar de evitar aglomeracións.