fbpx

Todos os venres pola tarde, en horario de 17.00 a 19.00 horas, a Casa Rosada, na parroquia de San Salvador, acolle unha iniciativa que vai moito máis alá de ser un simple obradoiro de manualidades. Trátase de Tecedoras de Palabras, unha actividade que está impulsada pola Concellería de Benestar Social e Mocidade. A concelleira responsable deste departamento, a socialista Rosa Fernández, sinala que son varios os obxectivos que se pretenden acadar coa posta en marcha destas sesións, que son de carácter semanal a totalmente gratuítas. “Non só se trata de realizar labores e traballos con teas e fíos, senón tamén de socializar e de axudar ás persoas a recuperarse da carga mental que, para moitas elas, supuxo a pandemia da COVID-19, especialmente no que aos meses do confinamento se refire”, indica.

Deste xeito, o avance dos deseños e labores de costuras non é tan importante como o feito de “ofrecer á veciñanza a posibilidade de volver a reencontrarse e a establecer unha tertulia, unha charla animada con outra xente que, por mor da situación sanitaria, deixou de formar parte da nosa vida cotiá, debido ás restricións”. En Tecedoras de Palabras participan actualmente mulleres de diferentes idades. “É unha actividade na que teñen cabida persoas de toas as xeracións, desde xubiladas ou pensionistas ata a mocidade”, resalta a edil de Benestar Social e Igualdade, que se amosa satisfeita co resultado das primeiras sesións. “O interese que desperta esta iniciativa demostra a necesidade de recuperar este tipo de espazos, para liberar carga emocional”, explica Rosa Fernández, que lembra que ese tamén é un dos piares doutros programas que se impulsan desde o seu departamento, como é o caso de Saudemente, no que nesta edición se fai especial fincapé na ledicia que supón para os seus e as súas participantes o feito de volver a contactar con outros compañeiros e compañeiras.

Fernández González confirma que aínda quedan prazas libres para poder formar parte deste particular grupo “de tertulia e creación”. As persoas interesadas en anotarse poden facelo chamando ao número de teléfono 986872401.