fbpx



A Concellería de Igualdade está a ultimar a programación que se desenvolverá ao longo do mes de novembro para conmemorar o 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A edil responsable do departamento, Silvia Díaz  (Avante Poio), presidiu este pasado mércores o Consello Municipal da Muller, que celebrou unha sesión que serviu, entre outros temas, para dar traslado das iniciativas a desenvolver ás asociacións de mulleres e representantes dos catro grupos da Corporación municipal que forman parte deste órgano.

Logo da edición de 2020, na que foi preciso adaptar as citas ás restricións aplicadas pola situación sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19, este ano o programa recupera algunha das súas citas máis emblemáticas, como a Andaina Paso a Paso Libres de Violencia de Xénero, que acadará a súa terceira edición e que, tal e como lembra a concelleira do Goberno local, en convocatorias anteriores “resultou todo un éxito de participación”. Esta cita terá lugar o domingo 28 de novembro, ás 10.30 horas, con saída desde o Bosque das Mulleres de Lourido, e final na Praza da Chousa de Combarro, onde se procederá á lectura do manifesto.

Á marxe da recuperación deste evento, a programación do 25 de novembro presentará varias novidades. A Concellería de Igualdade presentará o evento nos vindeiros días, se ben Silvia Díaz xa avanza que unha dos grandes atractivos deste ano será a campaña Man a Man contra as Violencias Machistas, que incluirá diferentes actividades, onde o protagonismo será a involucración dos colectivos de mulleres do municipio. Ademais, manterase o tradicional paro institucional o propio día 25, ás portas da Casa Consistorial. “Todo o programa está baseado nos obxectivos primordiais de sensibilización, prevención e eliminación da violencia de xénero”, recalca Silvia Díaz, que tamén adianta que un dos piares fundamentais da programación serán as accións coordinadas co eido educativo.

Por outra banda, na sesión do Consello Municipal da Muller do pasado mércores tamén se deu traslado da valoración dos resultados do III Plan de Igualdade, ademais de achegar aos grupos e asociacións que forman parte deste órgano un borrador do IV Plan, en cuxa elaboración está a traballar a Concellería de Igualdade. “Temos claro que ten que ser un documento efectivo e realizable, polo que debe ter en conta as propostas e achegas que nos acheguen as integrantes do Consello”, finaliza Díaz.