fbpx

A tenente de alcalde e concelleira de Obras e Servizos Municipais, a socialista Chelo Besada, vén de anunciar a realización de traballos de mellora e posta a punto en varias vías e pistas secundarias repartidas polas diferentes parroquias do municipio. Ao longo dos últimos días, os operarios municipais procederon a levar a cabo tarefas de eliminación de fochancas e dotación de novo asfalto naqueles tramos de diferentes camiños que se atopaban máis deteriorados. “Estas actuacións de mantemento son importantes, especialmente nesta época na que se aproxima o inverno e as condicións meteorolóxicas poden afectar ás partes en que peor estado se atopaban”, sinala Besada Lores.

En concreto, estas obras leváronse a cabo sobre todo en zonas do rural, entre Samieira e San Xoán. Deste xeito, procedeuse a mellorar o Camiño Pomar, Camiño da Escola de Chancelas, Camiño Cidrás, O Esperón, Vilar, Cabo Falcoeiro, Lubiáns, Lamoseiros e As Cachadas de San Salvador. Nalgúns casos, a mellora do pavimento completa actuacións máis ambiciosas, como a que se levou a cabo recentemente no Camiño Lamoseiros, en Campelo, onde tamén se procedeu a realizar melloras en servizos básicos como saneamento. Ademais, no caso do Esperón, a Concellería de Obras e Servizos tamén impulsou unha pequena mellora da seguridade viaria, ao ampliar un pequeno tramo na parte alta deste lugar, na estrada que vai desde a PO-308 ata o antigo campo de fútbol de Combarro. “Realizouse unha ampliación na marxe dereita, o que facilitará un maior espazo para viandantes e tamén posibles cambios de sentido”, explica a tenente de alcalde, que incide en que esta actuación foi posible grazas á cesión de terreo realizada por parte dun particular. A concelleira de Obras agradeceu esta implicación, xa que “permite ter este tramo en mellores condicións”.

Adxudicación da redacción do proxecto do Xuviño

Por outra banda, o Concello de Poio vén de aprobar a adxudicación da redacción do contracto técnico do proxecto de rehabilitación integral e humanización do núcleo do Xuviño, na parroquia de Combarro. A Xunta de Goberno Local deu o visto bo ao proceso. A empresa Deseños Estruturas e Viais foi a gañadora dun concurso ao que se presentaron nove entidades. O orzamento para a redacción do documento ascende a 16.000 euros aproximadamente, IVE engadido.

Cómpre lembrar que a Administración local recibiu unha subvención por parte do Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE), que ascende a máis de 250.000 euros, para a realización das obras. A tramitación para obter esta axuda foi xestionada a través da Concellería de Promoción Económica, dirixida polo socialista Gregorio Agís. Son fondos que se tramitan directamente desde o departamento municipal. Esta liña forma parte do marco do Programa Operativo Feder de crecemento sostible 2014-2020, pensada para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. A segue a filosofía que se contempla no Plan de Mobilidade Sostible, aprobado polo Goberno local en 2019, que aposta por dotar a este tipo de núcleos duns espazos nos que cobren un maior protagonismo os peóns, en detrimento do tránsito rodado. Deste xeito, por unha banda, búscase aumentar a seguridade e, a maiores, reducir de xeito drástico a pegada do monóxido de carbono. Ademais, o proxecto respectará o contexto arquitectónico deste emprazamento.