fbpx

Tres cursos formativos iniciarán a oferta que porá a disposición da cidadanía, de xeito gratuíto, a Aula Cemit de Poio, situada na antiga Escola de Campo de Combarro, ao longo de todo o mes de novembro. Nesta ocasión, a programación é unha das máis extensas do ano, con ata 12 sesións diferentes, pensadas para xente de todos os niveis e coñecementos, desde o máis básico ata os máis completos.

Entre os días 2 e 5 de novembro as clases serán sobre o uso do procesador de texto LibreOffice, para niveis medios, e de elaboración de documentos, do 2 ao 4. O primeiro desenvolverase de 16.00 a 17.30 horas e o segundo, de 17.30 a 19.30 horas. Ademais, o venres 5 haberá un ciclo sobre fórmulas para efectuar compras seguras a través de Internet, no que se ensinan pautas e directrices que permitan efectuar este tipo de xestións na Rede evitando posibles estafas ou problemas. O horario será de 17.30 a 19.30 horas. A actividade retomarase na semana do 16 ao 20 de novembro. Será entón cando se ofreza o curso de iniciación á informática, de 16.00 a 17.30 horas de luns a xoves, e outro sobre elaboración de páxinas web, de 17.30 a 19.30 horas. O día 22 haberá unha segunda sesión do curso de compra segura por Internet.

Xa no tramo final do mes, do 22 ao 26 ofreceranse clases de iniciación ao uso de Internet, así como un ciclo de creación, actualización e mantemento dun blog a través da ferramenta Wordpress, este último do 22 ao 25 de novembro. O día 26, haberá unha sesión sobre o xeoposicionamento, de 17.30 a 19.30 horas. Finalmente, desde o día 29 de novembro ao 3 de decembro, os ciclos versarán sobre a utilización do correo electrónico e a realización de follas de cálculo. Pechará a programación unha clase sobre a realización de videoconferencias, mediante diferentes ferramentes, o 3 de decembro.

Lémbrase que, á marxe destes cursos formativos, mantense á disposición da veciñanza a Aula Aberta, que luns a venres, entre as 19.30 e as 21.00 horas. Para o seu uso será necesario realizar cita previa. As persoas interesadas en anotarse nos cursos ofertados poderán facelo chamando ao número de teléfono 986770001 (extensión 1321) ou enviando un correo electrónico cos seus datos persoais á dirección Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Tamén é posible consultar a programación no perfil de Facebook do que dispón a aula. As sesións lévanse a cabo cumprindo con todos os protocolos de seguridade marcados por mor do contexto derivado da COVID-19.