fbpx

O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, o socialista Gregorio Agís, anunciou que o Concello de Poio está moi próximo a poder habilitar un aparcadoiro disuasorio en Valiña, un dos principais núcleos da parroquia de San Salvador. Esta actuación poderá facerse realidade logo de que a Comisión de Urbanismo e a Xunta de Goberno Local aprobasen o pasado 19 de outubro o proxecto de equidistribución do polígono 17 que afecta a esta parcela e que aparece definida no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como Solo Urbano Non Consolidade (SUNC).

Tal e como explica o edil do Goberno municipal, o proxecto contempla a dotación de zonas verdes de novos viais nesa zona. Sen embargo, mentres a urbanización non se acomete, “queda liberado un espazo que abriremos para que sexa utilizado a modo de aparcadoiro. Unha vez se execute o proxecto de urbanización, seguirá habendo espazos suficientes para os vehículos”. Agís visitou este xoves a parcela na que se actuará, que conta cunha superficie aproximada duns 2.000 metros cadrados. “Estimamos que se podería dar cabida a uns 150 automóbiles, o que se traduciría nunha cobertura suficiente para poder dar resposta á demanda de aparcadoiros existentes neste núcleo de San Salvador”, salienta o concelleiro de Urbanismo, que confía en que a apertura do terreo se efectúe “en pouco tempo”. O edil do PSdeG-PSOE lembra que “unha vez aprobado o proxecto de equidistribución, agora hai que rexistrar a cesión ao Concello no Rexistro da Propiedade. A partires de aí poderán comezar o uso do terreo”.

A dotación deste aparcadoiro disuasorio súmase ao habilitado xa hai varios meses tamén en San Salvador, concretamente en Camiño das Bocas. Alí, o Concello conseguiu unha cesión e adecentou unha parcela con capacidade para acoller a máis de 200 vehículos. “Unha vez que Valiña estea listo, o núcleo da parroquia contará con preto de 400 novos espazos para estacionar”, lembra Gregorio Agís, que salienta que este tipo de actuacións figuran na folla de ruta marcada polo Goberno local a través do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, que contempla a dotación de aparcadoiros en diferentes zonas do municipio. “Seguimos traballando para dar resposta ás demandas da veciñanza, especialmente naqueles lugares onde este tipo de servizos é máis necesario”, finalizou.