fbpx

A Concellería de Turismo vén de iniciar o proceso para habilitar un novo portal en Internet, a través do cal ofrecerá información de interese relacionada co sector, incluíndo servizos, descarga de documentos ou material audiovisual de todo tipo. A concelleira responsable deste departamento, Silvia Díaz (Avante Poio), mantivo a finais do pasado mes de outubro unha reunión con representantes da Asociación de Hostaleiros e Aloxamentos Turísticos de Poio, na que xa lles avanzou algunhas das liñas mestras deste espazo virtual.

Tal e como sinala Silvia Díaz, actualmente está en marcha o proceso de licitación. O investimento roldará os 17.000 euros aproximadamente, IVE engadido. “Faise necesaria unha páxina web actualizada, que sirva para incrementar a competitividade e para dar resposta ás novas necesidades que xorden, esta ferramenta e os contidos audiovisuais online son indispensables no sector”, sinala a edil do Goberno municipal, que tamén ten claro que esta prestación “debe consolidarse como unha canle de promoción do noso municipio, na que as persoas usuarias obterán información sobre os puntos de interese de Poio, e coñecer a oferta turística e os servizos profesionais dispoñibles”. O futuro portal contará “cunha estrutura sinxela e intuitiva, para facilitar as buscas e o seu uso”, adianta a titular de Turismo, que tamén confirma que o espazo estará deseñado de xeito que se adapte a todo tipo de soportes e dispositivos, desde ordenadores ata móbiles e tablets.

As persoas que accedan á web poderán consultala en galego, castelán ou inglés. Asemade, haberá un apartado específico para a descarga de documentos e incluiranse todo tipo de elementos multimedia, dende vídeos promocionais gravados con drons ata visitas virtuais de 360º. Para poder ofrecer estas ferramentas, previamente “analizáronse as necesidades e os requisitos técnicos que precisamos para poñer en marcha este servizo”, explica Silvia Díaz.

A concelleira de Avante Poio confía en que este novo portal virtual estea operativo no menor tempo posible e ten claro que “o seu uso axudará a consolidar aínda máis ao noso municipio como un dos destinos turísticos de referencia do Norte de España”.