fbpx



Operarios municipais están procedendo estes días ao arranxo e mellora dun camiño situado entre o lugar da Freixa, na parroquia de San Xoán, e A Ostreira. Trátase dunha actuación que consiste no ancheo desta vía secundaria. Ademais desta ampliación, tamén se está a proceder á súa limpeza. A tenente de alcalde e responsable do departamento de Obras e Servizos Municipais, a socialista Chelo Besada, estivo inspeccionando as tarefas esta mesma semana, acompañada polo concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, o tamén socialista Gregorio Agís.

Os edís do Goberno municipal explicaron que a actuación incluirá, ademais da mellora do camiño en si, a dotación dunha tubaxe nun dos marxes da pista, que servirá para a recollida de augas pluviais. Dadas as características do camiño, faise necesaria esta instalación, para poñer fin aos problemas que se rexistran especialmente cando se rexistran chuvias copiosas. A tenente de alcalde incidiu, ademais, que esta vía é moi utilizada polos veciños e veciñas da contorna, toda vez que conecta directamente coa senda que atravesa a fachada marítima entre a Ostreira e A Seca, un dos principais reclamos a nivel turístico e medioambiental do concello.

“Unha vez estean rematados os traballos o camiño estará nunhas condicións moito mellores e evitaremos que a auga leve restos ata o mar, tal e como viña sucedendo ata o de agora”, finalizou Chelo Besada. Esta actuación súmase á batería de obras que está levando a cabo a Concellería de Obras e Servizos Municipais, a través dos propios operarios do Concello, para a mellora dos camiños do rural, entre cuxas actuacións se inclúen melloras de firme, ampliacións e dotación de servizos básicos.