fbpx

O alumnado de 2º de ESO do IES de Poio é o destinatario dunha nova iniciativa impulsada pola Concellería de Educación, en colaboración co centro. Trátase dun taller sobre prevención do acoso escolar, que está impartido pola psicóloga Andrea Sieiro Paz. Divididos por grupos, para garantir todas as medidas e o aforo que contemplan as autoridades sanitarias por mor da pandemia da COVID-19, os e as estudantes reciben pautas e ferramentas de interacción social e emocional, a través dos cales poden adquirir habilidades á hora de afrontar, detectar e impedir comportamentos vencellados ao acoso escolar.

A edil de Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, incide na importancia de impulsar actividades deste tipo. “Nestas idades resulta primordial concienciar e axudar á mocidade sobre como xestionar este tipo de situacións”, advirte. Precisamente, un dos puntos nos que se fai incidencia neste obradoiro é, ademais da concienciación, é no xeito de abordar este problema, especialmente á hora de tratalo co profesorado ou con familiares e achegados. Por outra banda, na realización deste obradoiro tamén se inciden noutras cuestións, como é o caso da potenciación da intelixencia emocional. “Nestas idades é moi necesario facilitar ao alumnado ferramentas que lles faciliten exercitar e identificar as emocións. Isto redunda nunha mellora á hora de expresarse e de comunicarse”, conclúe a integrante do Goberno municipal.

Cómpre lembrar que o IES xa acolleu durante o pasado curso talleres impartidos pola psicóloga Andrea Sieiro, que recibiron unha gran resposta por parte das alumnas e alumnos do centro educativo.