fbpx

O Consello Municipal de Cultura, presidido pola edil responsable da área, Raquel Rodríguez (BNG), e formado por integrantes da Corporación e de diferentes colectivos locais, reuniuse este pasado martes 16 de novembro para analizar todos os deseños presentados pola mocidade de Poio nunha nova edición do Concurso de Tarxetas de Nadal. Este ano a participación aumentou con respecto a 2020. Se daquela se fixeron entrega de 364, neste caso as propostas ascenderon a 426. Rodríguez Alonso agradeceu a implicación dos e das participantes, lembrando que o certame está dirixido a persoas menores de 18 anos.

Ademais de elixir aos cinco gañadores e gañadoras, os membros do xurado tamén procederon a seleccionar a tarxeta que será utilizada polo Concello de Poio para editar a súa felicitación institucional de Nadal. A vencedora foi a presentada por Aarón Castro Montes, veciño de Raxó. As outras tarxetas que obtiveron unha maior puntuación foron as de Brais González Carramal (San Salvador), Gabriela Rincón Mendy (Combarro) , Marta Da Silva Fernández (Samieira) e José Luís Salazar Dacosta (San Xoán). Os e as seleccionadas recibirán un premio en metálico de 60 euros, ademais dun obsequio conmemorativo. A concelleira de Cultura fará entrega destes premios o vindeiro 19 de decembro, nun dos actos que forma parte da programación de Nadal 2021-2022, que será presentada nas vindeiras datas.

Raquel Rodríguez explicou que “a elección dos gañadores e gañadoras non resultou doada, dado o elevado nivel dos traballos entregados” e tamén salientou un feito moi positivo, como é que “tomaron parte no certame nenos, nenas, mozos e mozas de diferentes idades, desde os máis cativos ata os maiores”. Proba disto é que un dos autores das cinco mellores postais, José Luís Salazar, ten tan só 5 anos. Por último, Rodríguez tamén agradeceu a implicación dos colectivos que forman parte do Consello Municipal da Cultura, entre os que se atopan a Asociación Bourearte, Vides Novas, o Ateneo Corredoira de Combarro e a SCD de Raxó e a SCD de Samieira.