fbpx

A Concellería de Obras e Servizos de Municipais está a piques de culminar os traballos de mellora e posta a punto dun camiño secundario, duns 150 metros de extensión, situado na parroquia de San Xoán, que enlaza o lugar da Freixa coa senda costeira da Ostreira, que, á súa vez, une Campelo coa Seca. Foron os propios operarios municipais os que desenvolveron esta actuación ao longo das dúas últimas semanas. As boas condicións meteorolóxicas permitiron rematar os traballos de xeito rápido e satisfactorio.

A tenente de alcalde e responsable deste departamento, a socialista Chelo Besada, inspeccionou hoxe o estado do camiño, que estará operativo ao 100% despois da fin de semana. Besada Lores lembrou que a iniciativa lévase a cabo en resposta ás necesidades da veciñanza, toda vez que esta pista é moi utilizada polas persoas residentes na zona para desprazarse ata A Ostreira. “Non hai que esquecer que neste enclave emprázase un dos grandes reclamos turísticos e medioambientais dos que dispoñemos no noso municipio, como é a senda que vai desde a propia A Ostreira ata A Seca, e que é moi utilizada tanto pola veciñanza como por turistas”, lembrou a edil do Goberno municipal.

Deste xeito, nas últimas dúas semanas procedeuse á limpeza e adecentamento do terreo. Ademais, tamén se apostou pola dotación dunha cuneta tendida hormigonada no marxe esquerdo da pista, en dirección á senda litoral, que servirá para garantir a recollida de augas pluviais. “Deste xeito, impedirase que, en épocas de moita chuvia, caian restos de maleza ata o mar, como xa ten sucedido nalgunha ocasión”, indicou a tenente de alcalde. Aproveitando as tarefas de limpeza tamén se procedeu a anchear o camiño, de xeito que agora os e as usuarias disporán dun maior espazo para transitar.

Cómpre lembrar que esta actuación forma parte da batería de iniciativas impulsadas desde o Concello, a través da Concellería de Obras e Servizos, para a posta a punta e reparación de camiños no rural. Moitos destes traballos son levados a cabo por persoal municipal. Ademais, os operarios estes días tamén están levando a cabo tarefas de mantemento na propia senda da Ostreira.