fbpx

A concelleira de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), presentou esta mañá o proxecto Descubre Poio, unha iniciativa impulsada polo departamento municipal co obxectivo de potenciar un sector “cada vez máis profesionalizado e diferenciado”, o que “redundará na consolidación do municipio como referente turístico”. O programa inclúe diferentes iniciativas, sesións formativas e charlas que se desenvolverán ao longo dos meses de novembro e xaneiro, en plena temporada baixa.

A edil do Goberno local, que estivo acompañada no acto celebrado en Ferreirós por profesionais do sector, sinalou que este proxecto desenvólvese por primeira vez en Poio e segue a filosofía de iniciativas como Poio Confía, co propósito de establecer espazos de comunicación e debate de ideas e “crear sinerxias e vínculos que xeren riqueza económica e social no noso municipio, ao mesmo tempo que se reforza a imaxe de marca de Poio. En definitiva, achegamos ferramentas e fórmulas para continuar medrando como un sector de calidade”, incidiu Díaz. A través deste proxecto ofreceranse máis de 20 horas de formación a profesionais do sector turístico e da hostalería, a través de cursos que versarán sobre diversas materias. Así, neste mes de novembro, o Eirado das Margaridas, na parroquia de San Xoán, acollerá sesións sobre servizo de mesa, elaboración de cafés e bebidas e catas de viños e cervexas. As citas serán o 23, 24 e 29, respectivamente, en horario de 20.00 a 22.00 horas. Xa en decembro, tamén se ofrecerá formación de inglés para a hostalería, mentres que en xaneiro haberá cursos sobre comunicación e novas tecnoloxías. Ademais, impulsaranse xuntanzas grupais entre os e as profesionais para abordar diferentes cuestións de interese para o sector turístico e hostaleiro. Estas citas presenciais desenvolveranse, ademais de no Eirado, no Casal de Ferreirós e no Centro de Formación da Reiboa, na Seca.



A concelleira de Turismo incidiu en que esta proposta vai máis alá de ofrecer formación ao sector. “Tamén queremos implicalo á hora de fortalecer os vínculos entre o sector e promocionar o noso municipio e os seus valores e recursos, de xeito que as persoas que nos visitan reciban información de primeira man sobre a nosa gastronomía, o noso patrimonio e os nosos emprazamentos máis relevantes”, sinalou Silvia Díaz. Impulsarase, asemade, un mapa virtual, dispoñible na páxina web de Turismo, na que os e as usuarias poderán informarse sobre servizos e datos de interese. Precisamente, os detalles do programa Descubre Poio pódense consultar na web descubrepoio.com. Outra das iniciativas a desenvolver é a entrega de distintivos naqueles establecementos do sector que participen activamente no programa.

“En definitiva, achegamos ferramentas para consolidar a nosa marca turística e para lograr atraer visitantes ao longo de todo o ano, favorecendo a desestacionalización”, conclúe Díaz.