fbpx

Alumnos e alumnas de 2º e 3º da ESO do IES Poio participaron hoxe no obradoiro de diversidade afectivo-sexual ‘Coñecer para Respectar e Acompañar’. Trátase dunha das actividades promovidas a través da Concellería de Igualdade dentro da campaña ‘Man a Man contra as Violencias Machistas’, que se desenvolve con motivo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25 de novembro). Estas sesións foron impartidas por integrantes da Asociación de Familias Galegas Trans Arela, co obxectivo de promover o dereito a ser diferente e, ao mesmo tempo, fomentar o entorno escolar como espazo inclusivo, seguro e positivo. Ademais, a través deste ciclo tamén se busca axudar ao alumnado a identificar, visibilizar e suprimir desigualdades que teñen que ver coa LGTBfobia.

A edil de Igualdade, Silvia Díaz (Avante Poio), lembra que un dos focos no que pon a súa atención a campaña do 25N é no eido educativo, porque “é necesario ofrecer ás mozas e mozos as ferramentas axeitadas para erradicar a violencia machista”. Deste xeito, ao longo desta semana tamén se desenvolverán outras iniciativas no IES, como a realización do Escape Feminista, para alumnado de 1º da ESO, así como obradoiros sobre violencia na contorna dixital. Esta última cita realízase a través da Secretaría Xeral de Igualdade. Por outra banda, Díaz lembra que segue aberto o prazo de inscrición para participar, o vindeiro domingo, 28 de novembro na  Andaina Paso a Paso Libre de Violencia de Xénero, que partirá do Bosque de Mulleres de Lourido e finalizará en Combarro. Alí, organizarase unha exposición aberta ao público, a través da cal se darán a coñecer pezas artísticas e material audiovisual elaborado polas integrantes das asociacións que forman parte do Consello Municipal da Muller. Tamén se procederá a realizar a lectura do manifesto e haberá unha intervención poética a cargo da  a artista Lúa Mosquetera.

Premio para ‘Sementes de Liberdade’

Por outra banda, o Concello de Poio tamén quixo trasladar os seus parabéns a Asamblea Feminista LGTB do IES, ‘Sementes de Liberdade’, cuxo labor en favor da inclusión, a diversidade a igualdade, foi recoñecido coa obtención do 1º premio dos Premios Provinciais á Xuventude, impulsados pola Deputación de Pontevedra, na categoría Educación en Valores. Este galardón foi entregado ao colectivo educativo grazas ao proxecto e ás propostas teatrais sobre diversidade de xénero e igualdade de Literatura Universal que se desenvolveron ao longo do pasado curso.