fbpx

O Centro Cultural Xaime Illa de Raxó acollerá este venres 26 de novembro unha das actividades estrela da programación Anota Cultura!, impulsada pola Concellería de Cultura e que se desenvolve entre os meses de outubro e decembro con iniciativas de todo tipo. Neste caso, trátase da proxección do filme A illa das mentiras, inspirada no naufraxio do buque Santa Isabel, nas inmediacións da Illa de Sálvora, na madrugada do 2 de xaneiro de 1921, no que pereceron máis de 200 persoas. Dáse a circunstancia de que unha delas era un veciño da parroquia de Combarro. A película, dirixida pola documentalista e produtora Paula Cons, destaca o rescate que protagonizaron tres veciñas de Sálvora, que, grazas á súa valentía, lograron salvar preto de 50 vidas.

A cita será a partir das 21.00 horas, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. Unha vez rematada a proxección, a propia directora ofrecerá unha charla na que explicará como foi o proceso creativo previo, así como a gravación do filme, que se realizou na propia Illa de Sálvora. Cómpre lembrar que A Illa das mentiras contou con 19 candidaturas aos Premios Goya na súa edición de 2020, sendo unha das grandes sensacións do panorama audiovisual nacional nese ano. Por outra banda, antes do inicio da película, ás 20.30 horas, o Centro Cultural Xaime Illa tamén acollerá unha conferencia que estará impartida polo periodista Tino Vieitez, investigador deste feito histórico.

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), amosa a súa satisfacción polo feito de incluír na programación a proxección “dun filme que xa é unha referencia do audiovisual galego” e, ademais, agradece a predisposición de Paula Cons para “compartir coas persoas asistentes detalles e cuestións vencelladas ao proceso que se completou para dar vida á película”. Por último, a edil nacionalista lembra que Anota Cultura! Continuará ao longo do mes de decembro coas dúas últimas sesións do ciclo ‘Risadas Contadas’, a cargo dos humoristas Sergio Pazos (3 de decembro) e Pedro Brandariz (10 de decembro), ambos ás 21.00 horas e tamén con entrada gratuíta.