fbpx

O Concello de Poio continúa avanzando no proceso aberto para a contratación de sete profesionais, co obxectivo de reforzar o seu persoal fixo, a través de quenda libre. En concreto, as prazas que se ofertan son catro de operario ou operaria de Servizos Municipais, unha para a área de Xardinería e as tres restantes para limpeza das instalacións municipais. Tal e como explica o concelleiro responsable de Persoal, o nacionalista Xosé Luís Martínez, xa se poden consultar as listaxes de persoas admitidas tanto na Sede Electrónica do Concello de Poio como no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo).

En total foron 280 os e as solicitantes que presentaron a documentación para participar no proceso de contratación, dos cales 273 foron admitidos ou admitidas ao cumprir con todos os prazos e requisitos que establecen as bases. A oferta correspondente ás catro prazas da área de Servizos Municipais foi a que recibiu un maior número de solicitudes, cun total de 116, dos cales 111 foron admitidas de xeito definitivo. No caso das tres vacantes para a limpeza de edificios e equipamentos de titularidade municipal, foron 100 as persoas inscritas, con 99 aceptadas. Por último, para a praza de Xardinería se presentaron 64 aspirantes, cunha soa exclusión. O concelleiro de Persoal informa que a principios do vindeiro mes de decembro reuniranse os membros dos correspondentes xurados para establecer a data da realización do exame de carácter eliminatorio.

Xosé Luís Martínez lembra que este tipo de contratacións por quenda libre xa se veñen realizando de xeito regular nos últimos tempos. No que vai de 2021, sen ir máis lonxe, tamén se activou o proceso de contratación dun monitor deportivo, un mecánico e un técnico de xestión, vacantes correspondentes á Oferta de Emprego de 2018.