fbpx

A Comisión de Urbanismo, celebrada na mañá deste martes, deu conta do documento técnico emitido polo enxeñeiro municipal, no que informa favorablemente sobre a reversión do espazo portuario da Chousa, na parroquia de Combarro, que actualmente pertence a Portos de Galicia. Trátase dun requisito indispensable para poder reactivar o proceso que permita asumir no futuro ao Concello a titularidade dun espazo tan emblemático coma este e que a día de hoxe carece de actividade marítima ou pesqueira.

Este tema abordouse uns días despois de que o Consistorio recibise un escrito por parte do departamento dependente da Xunta de Galicia, no que se solicitaba á Administración municipal que confirmase de xeito oficial o seu interese de continuar coa tramitación. Para iso, é preciso remitir documentación entre a que se inclúe o devandito informe elaborado polo técnico municipal, no que se confirma que a intención do Concello é acadar a reversión dunha extensión que rolda os 11.000 metros cadrados aproximadamente, que inclúe, ademais da praza, parte da Baixada á Chousa (concretamente, ao tramo correspondente aos números 34 e 36), así como ao Paseo das Redeiras, que une a praza co peirao da Canteira.

Estas xestións pódense retomar despois de que tanto Portos de Galicia como o propio Concello recibisen no seu momento unha comunicación por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, a través do Servizo de Costas, na que se confirma a fórmula da reversión como fórmula para modificar a titularidade deste espazo. Precisamente, a tenente de alcalde e responsable de Pesca e Marisqueo, Chelo Besada, e o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, mantiveron este martes unha reunión co Servizo Provincial de Costas para abordar este tema. Unha vez que conclúan as xestións con Portos, o Concello iniciará as tramitacións co departamento estatal. Pola súa banda, tal e como lembra o edil de Patrimonio, Xulio Barreiro, esta reversión é un obxectivo do Goberno local que se remonta a hai varios anos. En concreto, o proceso iniciouse en 2018. O Concello entende que existen motivos de interese xeral para conseguir o cambio de titularidade deste espazo, de xeito que poida ser destinado a usos e servizos municipais. “Queremos dar resposta a unha demanda do tecido social de Combarro”, conclúen os dirixentes municipais.