fbpx



A Casa Rosada acolleu o pasado martes unha iniciativa moi especial, na que, durante unhas horas, un grupo de alumnos e alumnas de 2º Bacharelato do IES Poio exerceron de mestres coas persoas maiores anotadas no obradoiro ‘Non hai móbil que se me resista’. Esta actividade, organizada a través da Concellería de Benestar Social e Mocidade, impulsouse co obxectivo de axudar a pensionistas, xubilados e veciños e veciñas da terceira idade a familiarizarse co uso dos dispositivos e ‘smartphones’ de nova xeración.

A concelleira delegada deste departamento, a socialista Rosa Fernández, agradeceu a implicación e o interese amosado por este grupo de mozos e mozas á hora de sumarse á iniciativa. “Amosaron a súa predisposición a ensinar aos e ás maiores os seus coñecementos na utilización deste tipo de dispositivos sen dubidalo nin un só intre”, sinalou. Deste xeito, o alumnado do IES procedeu a explicar ás persoas inscritas no obradoiro como realizar un uso axeitado dos teléfonos móbiles e das súas aplicacións. “Vivimos nun mundo no que as novas tecnoloxías están plenamente consolidadas, polo que entendemos que é importante que todos nos familiaricemos con elas e ninguén quede atrás, especialmente os nosos maiores”, sinala a edil do Goberno local, que recoñece que “resultou unha gran experiencia ver como compartían coñecementos durante a sesión tantas persoas de diferentes xeracións”.

En vista do éxito acadado, a Concellería de Benestar Social e Mocidade aposta por repetir esta experiencia no futuro. Rosa Fernández lembra que se trata dun curso gratuíto e que se leva a cabo en grupos reducidos. “Seguiremos contando co alumnado do IES, sempre e cando esta actividade non interfira nas súas obrigas e estudos”, garante a concelleira do PSdeG-PSOE.