fbpx

A inminente chegada do Nadal trae a Poio un gran número de actividades, da man da Concellería de Benestar Social e Mocidade. A responsable delegada desta área, a socialista Rosa Fernández, deu a coñecer a batería de iniciativas que desenvolverán entre o 13 de decembro e o 8 de xaneiro. Trátanse de citas pensadas “para xente de todas as idades e para que poidan gozar destas datas tan sinaladas tanto as persoas maiores como os mozos e mozas”, indica Fernández González. Non faltarán proxeccións de películas infantís, talleres de cociña, o retorno de eventos emblemáticos como o Bingo Entretido ou novidades como a xornada ‘gaming’ que pechará o programa o 8 de xaneiro de 2022.

As actividades correspondentes a Mocidade abarcan citas para todas as idades. Así, entre os días 28 e 30 de decembro haberá sesións de cine gratuítas no local social de Campelo, na Escola do Campo de Combarro e na Casa Rosada, respectivamente. Todas elas darán comezo ás 11.30 horas. Os filmes que poderán ver os rapaces e rapazas serán Shazam, Animales Fantásticos, Los crímenes de Windelwala e Sonic, La película. Previamente, os días 22 e 23 de decembro, de 10.00 a 14.00 horas, a Casa Rosada acollerá un obradoiro de introdución á cociña vegana. Esta actividade está dirixida a maiores de 14 anos e servirá para ofrecer ás persoas inscritas pautas para preparar menús con especialidades como canelóns de salsa boloñesa vegana e doces como tarta de limón e arándonos ou pastel de iogur con mandarina. O propio día 23, en horario de tarde (de 16.30 a 19.30 horas), a propia sede de Servizos Sociais tamén será escenario dunha xornada de xogos de mesa, para maiores de 12 anos, que poderán xogar ao parchís, xadrez, ‘scrabble’ ou afundir a frota. “Son xogos que no seu día marcaron a moitas xeracións, pero que hoxe en día quedaron nun segundo plano, por mor do avance das novas tecnoloxías”, indica Rosa Fernández. Por último, o 8 de xaneiro será a Xornada ‘Gaming Nadal’, desenvolta pola Asociación Gaming Troop e que acollerá torneos de videoxogos durante todo o día. Repartiranse 300 euros entre os e as gañadoras. O aforo quedará limitado a 40 persoas.

Actividades para persoas maiores

Pola súa banda, a área de Benestar Social tampouco se queda atrás á hora de ofrecer iniciativas pensadas para as persoas maiores. A primeira será un obradoiro de arte floral, ofrecido pola monitora da firma Risotadas Carmen Castro, os días 13 e 17 de decembro, entre as 17.30 e as 21.00 horas. Previamente, o día 3, haberá unha reunión coas persoas inscritas para informarlles dos materiais a utilizar para elaborar adornos de Nadal do máis orixinais. Os días 14 e 16, asemade, os ‘chefs’ Elena Argüello e Isidro Cao ofrecerán un curso de cociña para a elaboración de menús tradicionais de Nadal. Será tamén na Casa Rosada, a partires das 19.00 horas. As persoas inscritas terán a ocasión de recibir consellos e pautas para a elaboración de especialidades típicas destas datas sen que iso supoña un custe adicional e que se resinta a economía familiar. Vieiras, carrilleiras de rape con langostino, rolo de carne rechea e doces de Nadal serán algunhas das receitas a preparar. Os grupos destes cursos non excederán as 25 persoas.

Ademais, tal e como sinala Rosa Fernández, este ano volve un emblema da Concellería, como é o Bingo Entretido, a través do cal as persoas maiores poden xogar de balde. Os e as gañadoras recibirán diferentes premios, como roupa, menaxe ou complementos. As sesións serán do 13 ao 16 de decembro e serán itinerantes. A antiga Escola de Tarrío, en Samieira, acollerá a inauguración do bingo o día 13, ás 11.00 horas. O día 14 será a quenda para o Centro da Reiboa, na Seca (10.00 horas), no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó (17.00 horas) e Vilariño (19.30 horas), mentres que o 15 trasladarase á Casa Rosada (17.00 horas). Por último, o día 16 o bingo celebrarase na Escola do Campo de Combarro (11.00 horas) e no local de Campelo (17.30 horas).

Ademais, tamén se recupera o Encontro de Maiores, fixado para o 15 de decembro, na Casa Rosada, a partires das 17.00 horas. Ao igual que sucede co Bingo Entretido, haberá un aforo limitado, polo que será necesario realizar reserva previa. A cita contará cunha chocolatada e unha actuación a cargo de Miguel Martínez. Por último, Rosa Fernández confirma que os máis de 100 alumnos e alumnas do programa Saudemente recibirán un agasallo. “Confiamos en que estas actividades, que realizaremos estando moi pendentes da evolución da situación sanitaria, axuden a que a nosa veciñanza goce dunhas datas tan emblemáticas, sexan xubilados, maiores, mozos e mozas ou crianzas”, finalizou a edil socialista.